jueves 22.08.2019

San Sadurniño contratará peóns para labores forestais e reforzará o servizo de Obras

O Concello xa fixo as probas de selección do persoal que formará parte de dous programas de emprego 

O Concello de San Sadurniño acolleu xa as probas de selección do persoal que entrará a formar parte dos dous programas de emprego aos que se acolle o consistorio nesta anualidade, o APROL Rural convocado pola Xunta e o PEL da Deputación. O Servizo Público de Emprego fixo unha preselección de 16 persoas para optar a unha das cinco prazas ofertadas, coas que se reforzará a área de Obras e Servizos.

A axuda do Plan de Emprego Local chega aos 28.000 euros, cos que se custearán tres contratos temporais: un para conducir o camión e a maquinaria municipal durante seis meses a tempo completo, outro para labores de albanelaría ao longo de cinco meses e medio, e un terceiro de peonaxe coa mesma duración. Nestes dous últimos postos a xornada laboral será de seis horas diarias.

A convocatoria do PEL provincial ten unha finalidade social sumada ao apoio aos municipios, que teñen neste programa unha oportunidade para empregar durante varios meses a persoas que por distintas circunstancias non dan conseguido traballo, ademais de facilitarlles unha ampliación do cadro sen custe coa que suplir vacacións ou reforzar o mantemento municipal, onde é habitual que haxa máis carga de actividade agora que chega o bo tempo. 

A limpeza de beirarrúas, pequenas obras de reparación de todo tipo, a recollida do lixo ou o manexo dos tractores de roza son só algunhas das funcións que se prevén cubrir con este programa.

O  outro plan de emprego ao que se acolle o Concello, o Aprol Rural da Xunta, supón outros 26.300 euros, destinados neste caso á contratación de dúas persoas como especialistas forestais por un período de 9 meses. Neste caso as funcións están máis delimitadas e céntranse en traballos relacionados coa roza de espazos públicos, o mantemento de sendeiros e o control da vexetación.

Para levar a cabo o proceso selectivo –que se desenvolve mediante concurso oposición– o Concello solicitoulle ao SPEG un listado de persoas aspirantes que cumprisen os requisitos establecidos nas bases, como a obrigatoriedade  de que todas fosen demandantes de emprego inscritas no SPEG e que, ademais, cumprisen outras condicións, como por exemplo ter máis de 45 anos, levar en situación de desemprego dous ou máis anos, ter unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%, ser muller ou vivir nun fogar ou unidade familiar onde ninguén teña traballo, entre outras.

Logo de recibir a relación de 16 aspirantes do servizo público de emprego o luns pasaron un exame oral no que o tribunal, formado por persoal municipal, lles preguntou por cuestións relacionadas co coñecemento do territorio e coas labores que deberán desempeñar. Onte mesmo se publicou a lista dos cinco persoas que serán contratadas durante os vindeiros meses.

Comentarios