Reportaxe | Arte e feminismo, da man para recuperar a memoria das nosas antecesoras

Reportaxe | Arte e feminismo, da man para recuperar a memoria das nosas antecesoras
Obradoiro "Mosaico da Memoria" en Pontedeume I Cedida

Crear unha obra de arte e, ao mesmo tempo, recuperar a memoria das nosas antepasadas. Con esta premisa chegou a Pontedeume  hai unhs días “Mosaico da Memoria”, un obradoiro creativo no que, por medio de fotografías antigas e a través da técnica do collage, as súas participantes enxalzan a vida das mulleres referentes: avoas, nais, tías, amigas...

 

 “No 2020 puxemos en marcha un laboratorio de creación para mulleres, onde traballamos moito o tema dos coidados. Isto levounos a facer este obradoiro, onde creamos unha obra de arte. Neste contexto coñecimos a Mónica Mayer, unha artista mexicana que nos anos 70 fixo moitas obras feministas que recollen testemuñas sobre moitos aspectos. Ela, nunha entrevista, dixo a frase ‘El arte tiene que ser lo que nosotras necesitamos que sea’. E esa frase é moi poderosa”, explica a impulsora de Laboratorio Polo Creativo, Dores Polo, que remarca que na actualidade o mundo artístico non é asequible para todas
“É necesario reivindicar a historia das mulleres referentes para a nosa vida, e así é como comezamos a facer esta actividade”.

 

FAROOZA xuu00f1o2023
Cedida


A iniciativa pasou xa por outras cidades como a da Coruña e volverá de novo á vila eumesa. “A raíz deste encontro que fixemos un sábado pola mañá, xa me convidaron para volver a Pontedeume, onde hai un grupo de mulleres máis maiores interesadas en participar. A miña idea e a das persoas que colaboran neste laboratorio é recoller o maior número de testemuñas posible”, apunta Polo.

 

Mostra

Neste “Mosaico da Memoria” lévanse recollidas xa cerca de 50 pezas. “Hai varios obradoiros previstos e temos apalabrada coa Casa Museo María Pita, de cara ao verán, unha mostra. O lugar é ideal porque alí se expoñen traballos de mulleres artistas e vinculados coa muller”, apunta a impulsora desta proposta artística.
A súa intención é que esta exposición chegue a se converter en itinerante nun futuro. 

 

Pontedeume 200124 3
Cedida

 

“Sería moi bonito que puidera viaxar por moitos lugares. Cada unha das pezas son pequenos mundos e, cando ves unha suma deles xuntos, non podes deixar de mirar. É fermosísimo ver como cada persoa aborda esa temática dunha forma diferente, cunhas cores distintas... É unha peza que ten moita forza”.

 

Invisibilización


Polo fai fincapé na importancia de continuar recollendo estas testemuñas.  “É algo moi íntimo. Hai unha combinación de cousas: por un lado, a historia íntima e doméstica; por outro, a invisibilización: como non aparecemos en ningún lado, non hai rúas, non se reivindica todo ese poderío e o sustento que fai a muller na sociedade... Compartir todo isto en grupo, falando entre nós, é moi emotivo. Ten moita forza e é restaurador, sanador”. 

 

“El Tendedero”, de Mónica Mayer, unha unión pioneira de arte e activismo feminista

 

Tal e como explica Dores Polo, a obra da artista mexicana Mónica Mayer (México D.F., 1954) está profundamente ligada ao seu proxecto “Mosaico da Memoria”. Concretamente, esta peza supón un traballo conceptual que vincula de maneira pioneira o activismo femininino e a arte. 


Mayer fixo unha invitación a 800 mulleres para que completasen a frase “Como mujer lo que más me disgusta de la ciudad es...” por medios de anacos de papel. Cada unha das respostas obtidas foi montada nunha estrutura que aludía a un tendedeiro, referencia clara á actividade cotiá que se considera feminina.

 

El tendedero Monica
A peza “El Tendedero”, no ano 1978 | Víctor Lerma


Deste xeito a artista pretendía abrir un diálogo sobre a violencia que viven as mulleres no espazo público. A peza foi presentada por vez primeita no 1978, no Museo de Arte Moderno de Ciudad de México. Tivo unha segunda versión un ano despois, en Los Ángeles, e foi reactivada posteriormente en diversos contextos. 

Reportaxe | Arte e feminismo, da man para recuperar a memoria das nosas antecesoras

Te puede interesar