Rematan as obras de reurbanización de varias torres en San Valentín

Nestes días concluíu unha nova fase de mellora da accesibilidade, dos servizos soterrados e do aspecto xeral do barrio fenés de San Valentín, concretamente a referida á contorna das torres I, II e III, situadas no centro do mesmo. Alí acometeuse o cambio das beirarrúas seguindo a estética de fases anteriores e o aglomerado do aparcadoiro interior, onde foi necesario reordenar as prazas ante o aumento do espazo dedicado ao tránsito de viandantes. Ademais tamén se aproveitou para repoñer canalizacións soterradas da rede de sumidoiros e de evacuación de pluviais. O investimento total ascende a 182.710 euros (IVE incluído) financiados con fondos do POS+ da Deputación da Coruña.


As obras en cuestión son a terceira actuación que se leva a cabo nos últimos anos nesta zona da vila, onde desde 2018 se executaron proxectos similares nos bloques de vivendas II e V e III e IV “co obxectivo de proseguir coa actualización da accesibilidade e dos servizos básicos nun barrio que acaba de facer medio século”, como informan desde o Concello. “Cando se construíu, San Valentín estaba pensado para un grande número de familias de xente moza traballadora de Astano e cos estándares urbanísticos que había naquel momento. Hoxe as necesidades son outras. Os modelos actuais de habitabilidade piden máis espazo para as persoas e tamén fai falla adaptarse no posible á realidade demográfica do propio barrio facéndoo máis accesible”, explica o concelleiro de Obras, Justo Ardá, que visitou as obras nas últimas xornadas.


O obxecto tanto deste proxecto como dos anteriores “e os que virán no futuro” é a eliminación de barreiras arquitectónicas “e procurar darlle un lavado de cara ata onde se poida aos espazos e equipamentos comúns”, subliñou.


Así, na zona central do barrio, onde se encontran as Torres I, II, e III, acondicionáronse as áreas de paso que enlazan os tres edificios, incluída a zona de aparcamento  que dá á Avenida da Cooperación.  Ademais da aparencia e accesibilidade, a intervención agora rematada tamén se ocupou da actualización dos sistemas de drenaxe de augas fecais e pluviais, de cara a solventar os problemas de filtracións e roturas que acumulaba unha rede soterrada con medio século de antigüidade.


A adxudicataria dos traballos foi a empresa Construcciones González y González S.L. O importe da obra ascendeu a 182.710 euros, impostos incluídos, sufragados con cargo áo POS+ 2021. A este respecto, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, destacou o feito de que o Concello “pouco a pouco vai axustando os tempos de execución dos proxectos financiados con axudas provinciais, que noutras épocas, non sabemos por que razón, se demoraban máis do debido”, afirmou. O rexedor avanza que de cara a próximas convocatorias do POS “incluiremos a mellora da accesibilidade e dos servizos das torres IV e V, así como as dos catro bloques que dan á Avenida da Cooperación”. 

Rematan as obras de reurbanización de varias torres en San Valentín

Te puede interesar