O perfil de San Sadurniño en Google Maps, un reclamo para visitantes

O perfil de San Sadurniño en Google Maps, un reclamo para visitantes
Imaxe do castelo de Naraío, que se atopa reseñado na ferramenta de Google | j. meis (AEC)

O Concello de San Sadurniño leva varios anos presente na plataforma Google Mapas facendo un labor constante de xeolocalización de lugares de interese do municipio, ilustrándoos con galerías de imaxes e incluso publicando reseñas actualizadas sobre a paisaxe, o patrimonio e outros recursos atraentes, como informan desde o goberno de Secundino García. Tal é así que o perfil do consistorio en Maps conta con distintivo Nivel 6 como Local Guide de Google, con preto de 3.500 puntos,  despois de ter engadido 69 lugares, unha vintena de reseñas e 324 imaxes “que están a punto de chegar a 1.180.000 visualizacións”, como indican.


Desde o goberno local destácase este último dato, apuntando que as fotografías “son unha moi boa carta de presentación do que se pode ver en San Sadurniño e, por iso mesmo, unha das mellores maneiras de atraer visitantes”.


Ademais de contribuír á xeolocalización, o perfil Concello de San Sadurniño en Google Maps tamén leva suxeridos 59 cambios en fichas publicadas, co obxectivo de actualizar información ou corrixir datos incorrectos. Os últimos son os relativos ao peche  temporal dos accesos ao castelo de Naraío, á fervenza e ao paseo do Castro mentres non finalicen as obras de consolidación da presa situada ao pé da fotaleza.

 

 

Lugares de interés


A contorna do castelo é, de feito, un dos lugares máis visitados do municipio tralas melloras da accesibilidade e a instalación da estrutura que permite subir á torre da homenaxe. O espazo, que dispón de reseña en Maps e múltiples fotografías tomadas nos últimos anos, actualizouse en 2022 incorporando paneis informativos de realidade aumentada que axudan a coñecer e interpretar a súa historia con narracións en varios idiomas e unha espectacular reconstrución en 3D visible ao vivo a través da cámara do móbil, como precisan desde o consistorio local.


Desde o Concello informan que tamén se engadiron en outubro do ano pasado imaxes en 360º das distintas partes da fortaleza, “facilitando un percorrido completo por todas as ruínas que pode facerse sen sequera ten que moverse de casa”. O catálogo de fotografías inmersivas inclúe tamén a fervenza do Castro –situada uns metros máis abaixo do castelo–, os Xardíns Municipais e a Fonte de San Roque, aínda que o goberno local ten previsto ir ampliándoo nos próximos meses para recoller con esta tecnoloxía os principais elementos paisaxísticos e patrimoniais do territorio.


Segundo as estatísticas do programa Google Local Guides, o ano 2022 foi un dos de maior influencia da conta do Concello por causa do número de contribucións de todo tipo –xa sexan reseñas, modificacións, publicación de fotos, etc.–, que neste momento o sitúa no Nivel 6 (3.460 puntos), “co obxectivo de acadar ao longo deste 2023 o seguinte chanzo, o Nivel 7, para o que é necesario chegar aos 5.000 puntos”, explican. Trátase dunha tarefa, como indican, que requirirá constancia, posto que engadir un novo lugar só conta 15 puntos, unha foto vale 5 puntos e preparar unha reseña de polo menos 200 caracteres ten un valor de 20 puntos. “Ter máis puntos en Google como Local Guide é un aval de fiabilidade perante as persoas usuarias de Maps e tamén axuda a que a conta do Concello nesta plataforma sexa un dos principais referentes para as buscas nas que se basean moitas das visitas que recibimos”, explica o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela.


O  concelleiro explicou tamén que mellorar o posicionamento en Maps gracias á publicación de imaxes, reseñas actualizadas e outras contribucións “é fundamental para calquera estratexia de posicionamento turístico. Por iso levamos traballando tanto nese aspecto nos últimos anos, aínda que o importante labor que hai detrás non se perciba da mesma maneira que unha publicación en Facebook ou en Instagram, onde a repercusión das publicacións é inmediata”.


Sosteñen desde o executivo local que a importancia de estar nesta plataforma de Maps xunto con outras persoas usuarias que tamén publican contido dan conta as estatísticas que se reflexan nas 1.179.245 visualizacións.  

O perfil de San Sadurniño en Google Maps, un reclamo para visitantes

Te puede interesar