Pedro Blanco, o delegado do Goberno en Galicia, presentou este mércores en Pontedeume a campaña de 2025 do plan “No Caminas Sola”, destinada a garantir a seguridade das mulleres no Camiño de Santiago. Este proxecto conta cunha gran relevancia a causa de feitos como o aumento constante da presenza femenina na ruta xacobea —moitas veces en solitario— constituíndo xa o 53% de persoas que deciden percorrer este itinerario e traducíndose nunha cifra superior a 246.000 peregrinas.
O delegado subliñou estes números, sinalando que “as mulleres están a ser as protagonistas destas sendas de peregrinación e ano tras a ano a súa presenza medra”. Esta presentación contou coa asistencia de Bernando Fernández Pérez, o alcalde de Pontedeume; María Rivas, a subdelegada do Goberno na Coruña, e Miguel Ángel González Arias, xeneral xefe da 15 Zona da Garda Civil.
Así mesmo, estiveron Carlos Gómez Rodríguez, o xefe provincial na Coruña da Policía Nacional; Manuela Vilaboy Romero, a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación na Coruña, Benigna Villasuso, a vogal 3ª do Colexio Oficial de Farmacia da Coruña e unha dotación de cabalería da Benemérita, que se encargará de patrullar no Camiño.
A iniciativa, que xurdiu no ano 2021, conta xa con máis de 1.700 puntos de atención que van en aumento cada ano. Están presentes en lugares do Camiño como albergues, oficinas de turismo, postos de Policía, Garda Civil e Policía Local, centros de saúde, farmacias e hospitais públicos, e incluirán 34.700 tarxetas e carteis con información —en galego, castelán e inglés— de emerxencias e dos recursos das Forzas Armadas e Corpos de Seguridade. Tamén está dispoñible a aplicación AlertCorps para a comunicación de alertas en tempo real e con envío de localización.
Pedro Blanco recordou os valores dun Goberno que considera “igualitario e feminista, comprometido coa promoción dos dereitos da muller e a salvagarda da súa seguridade” e que investiu dende 2018 máis de 94 millóns de euros neste ámbito. Valorou ademais o recibimento e implicación na campaña do alcalde eumés, os concellos, o persoal sanitario e o de Igualdade nas subdelegacións do Goberno, o Colexio de Farmacéuticos e a Garda Civil e Policía Nacional.
O delegado enmarca a campaña “dentro do propósito do Goberno para facer da nosa sociedade un lugar mellor, máis seguro e polo tanto máis libre para todas as mulleres". Conclúe cunha mensaxe de esperanza cara o futuro afirmando que “con ese horizonte seguiremos traballando para que nun futuro próximo non sexa necesaria a existencia deste tipo de iniciativas”, seguro de que o lograrán “todos e todas xuntas”.