A rexedora de Narón, Marián Ferreiro, anunciou onte a licitación das obras de restauración e rehabilitación da presa do muíño das Aceas e do Camiño do Peregrino, orzamentadas en 345.333 euros que se sufragarán –até nun 80%– con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020, dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.
As empresas interesadas en realizar os traballos –que permitirán recuperar e poñer en valor a presa deste muíño de mareas, propiedade do Concello dende o ano pasado– teñen ata o 3 de maio para presentar as súas ofertas. “As obras que se acometerán inicialmente son as de consolidación para posteriormente centrarnos na restauración e rehabilitación do conxunto de edificios que o integran”, indicou Ferreiro.
Dende o Concello explican que o acceso ao muíño faise a través dun vial que coroa a presa e continúa polo Camiño do Peregrino, polo que entraba o gran que se moía no muíño e saía xa como fariña pola estrada de Castela.
Nesta zona conflúen o Camiño Inglés e o de Santo André de Teixido, que coincide co Camiño do Peregrino. “Estes feitos, tal e como consta no proxecto, incrementan considerablemente o valor cultural e como recurso turístico do conxunto”, afirman dende o executivo local.
Polo que respecta ao Camiño do Peregrino, o obxecto da actuación é poñer en valor o vial que parte da marxe dereita da estrada de Castela e proporciona acceso ao paseo do borde litoral do estuario do río Freixeiro e tamén á presa do muíño de mareas das Aceas. A superficie sobre a que se actuará supera os 1.500 metros cadrados.
Pouco antes de que o Concello anunciase a licitación deste proxecto, o grupo municipal do BNG emitía un comunicado no que denunciaba que as choivas de inverno provocaron un corremento de terras na zona do muíño, polo que demandaban “unha intervención urxente” e censuraban que “non ten aínda proxecto de recuperación”.
Despois da comunicación, os nacionalistas calificaban o anuncio de “propaganda electoral. “Un exemplo da praxe de TEGA, que é anuncialo antes de pasar polo pleno ou enviar información en tempo e forma ao conxunto da corporación”, afirmou a candidata á Alcaldía, Olaia Ledo.
Pola súa banda, o edil de Obras, Pablo Mauriz, lamentou o “absoluto descoñecemento que amosa o BNG sobre a actualidade do Concello”.
Neste sentido, explicou que “hai xa varias semanas que nos reunimos co responsable da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, para abordar esta actuación”.