Marián Ferreiro explica a empresarios de Río do Pozo as xestións levadas a cabo perante a Sepes

Marián Ferreiro explica a empresarios de Río do Pozo as xestións levadas a cabo perante a Sepes
Marián Ferreiro, ao fondo, durante a súa intervención ante empresarios do polígono

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, reuniuse con empresarios e empresarias con parcelas no polígono industrial de Río do Pozo. A rexedora estivo acompañada polos edís de Urbanismo e Promoción Económica, Manuel Ramos e Xosé Gómez Fandiño, respectivamente, e pola concelleira de Acción Social, Catalina García. No transcurso da xuntanza, Ferreiro dirixiuse aos asistentes ao acto para explicarlles de primeira man o resultado da reunión mantida a pasada semana con responsables da “Entidad Pública Empresarial del Suelo” (Sepes).

Ferreiro destacou a importancia desta xuntanza mantida co director xeral da entidade, Alejandro Soler, e o responsable de vendas da zona norte, Francisco Fernández. A alcaldesa solicitou unha rebaixa no prezo das parcelas co fin de impulsar a súa venda, e tamén plantexou a posibilidade de que as de maior superficie se dividan para adaptarse á demanda de pequenas zonas de chan industrial. A rexedora asegurou que os responsables da Sepes se comprometeran a valorar esas posibilidades e levalas, como é pertinente, a un consello de administración, coincidindo ambas partes na necesidade de impulsar o polígono Río do Pozo. Así mesmo, a alcaldesa de Narón convidou aos representantes do sector a dirixirse ao Concello no caso de querer realizar calquera xestión ante a Sepes, ofrecendo a intermediación da administración local nos casos nos que sexa posible.

Ferreiro recordoulles aos empresarios a adhesión do Concello, a finais do pasado ano, á iniciativa “Doing Business”, da administración autonómica e a Fegamp. Coa finalidade de favorecer o asentamento de novas empresas nos polígonos industriais da cidade –Río do Pozo, A Gándara e As Lagoas– e de crear emprego, ofrécense bonificacións de entre o 50% e o 95% nos recibos do IBI, ICIO e IAE, ao cumprir unha serie de requisitos e en función de dúas categorías, para a pequena e a mediana empresa e para grandes compañías, superficies comerciais e áreas de comercio mixto ou multiproduto. A maiores, o Concello tamén adquiriu o compromiso de axilizar as licencias para concedelas no prazo máximo dun mes desde o momento no que estea entregada toda a documentación requerida.

A alcaldesa informou tamén na xuntanza de tódolos servizos que os empresarios e emprendedores teñen a disposición no Concello, como o de asesoramento a persoas emprendedoras e a empresas de cara ao emprego, a través da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local, e o de Intermediación Laboral, co que se xestionan ofertas de traballo que as compañías presentan no Servizo Sociocomunitario municipal.

O proxecto de sinalización no polígono, no que se invertirán 15.000 euros, foi outra das cuestións que se abordaron. Os empresarios amosaron tamén a súa preocupación tralo peche da Cámara de Comercio de Ferrol e Ferreiro ofreceulles a total disposición do Concello no que poidan necesitar para non ter que desprazarse á Coruña. Un servizo de transporte no polígono, a posta en funcionamento dunha asociación que aglutine a todo o tecido e a ampliación de funcións da Entidade de Conservacion de Río do Pozo foron outros dos temas tratados.

Marián Ferreiro explica a empresarios de Río do Pozo as xestións levadas a cabo perante a Sepes

Te puede interesar