As festas do Carme de Neda, previstas para o 16 de xullo, contarán coa “actuación estelar”, como se destaca no programa, da cantante, actriz e presentadora Leticia Sabater. Achegará así ao público un concerto “para todos los públicos, muy participativo, marchoso y muy divertido”, tal e como se describen os seus espectáculos na web da propia artista.
A cita terá lugar na zona dos Subarreiros, escenario tamén da sardiñada prevista para as 19.30 horas, a prezos populares. A continuación, e antes da presenza de Sabater sobre o escenario, encargaranse de animar o ambiente outras dúas formacións musicais, o Dúo Boreal e o Trío CQC.
Antes, na xornada matinal (ás 12.30 horas) será a quenda para a celebración dunha misa na igrexa de San Nicolás, á que seguirá un percorrido polo pobo cos Charangos e sesión vermú co trío CQC. A comisión de festas encargada do programa do Carme asume tamén a organización dos festexos na honra de San Nicolás que terán lugar o 6 de decembro, pero que xa teñen pechado o programa. Contará así coa actuación a orquestra Panamá e dun dúo.