De Ed Sheeran a Rob Steward e sen esquecerse dos Beatles, foron moitos os artistas que comezaron tocando na rúa. As mozas de Leria tamén. Andrea, Helena, Mayra e Itzi lembran este comezo como unha etapa “sen pretensións” na que facían “o que nos apetecía e punto”.
Foron a banda sonora de moitas postas de sol na Mariña, onde “se gañabamos 20 euros despois iamos a por un xeado”, comentan entre risas.
Isto foi apenas fai tres anos, despois de xuntarse por casualidades do destino e, a día de hoxe, compartiron escenario con artistas da talla de León Benavente ou Shinova, no FIV de Vilalba, e lembran o Rock in Cambre como unha experiencia única “na que puidemos vernos rodeadas de xente que leva tanto tempo na industria”.
Este grupo emerxente asegura que “non sabiamos onde iamos chegar” e máis tendo en conta que “para tres de nós, esta é a primeira experiencia nunha banda”. Con todo, o talento falou polas catro, que agora comparte cartel con grandes “referentes”, como elas mesmas explican.
E en breves chega a Ascensión en Santiago, unha das festas máis aclamadas para iniciar o verán no que tamén participará Leria, deixando constancia de que a súa presenza encima do escenario dos 40 Prinpcales non deixa indiferente a ninguén.
Sendo conscientes de que aínda queda moito por andar e pensando nos seus ídolos, confesan que sería un soño compartir as táboas “con Dani Martín”, comenta Helena que o ten “clarísimo” ou, no caso de Andrea “con Maneskin”. Desde as Ginebras a Love of Lesbian, decidiron non poñer ningún tipo de fronteiras ás súas inspiracións, iso si, sendo fieis ao que as caracterizou desde un inicio. “Tratamos de pasalo ben cada vez que actuamos e, a fin de contas, iso é o que tentamos transmitir”, expoñen. E sempre levando por bandeira “un directo moi coidado”, para o que é máis que necesario horas e horas de ensaio nas que se mesturan todo tipo de ritmos que cada unha trae de casa, desde o indie ata a parte máis rockeira.
Hoxe será a quenda para o Guión clube de Pontedeume. A sala da rúa de San Agustín acollerá, a partir das 23.00 horas, unha actuación que promete ser a banda sonora perfecta para este sábado, pero pola traxectoria de Leria, tamén para o resto de días.
Compartirán escenario con Candela Liste e as entradas están dispoñibles por oito euros.