Inauguración de "A Bela e a Morte", mostra artística creada polo alumnado de Laudas Calamity

A exposición dos proxectos do alumnado de Laudas Calamity está aberta ao público dende hoxe ata o 15 de agosto no Museo do Humor
Inauguración de "A Bela e a Morte", mostra artística creada polo alumnado de Laudas Calamity
Un instante da presentación I DANIEL ALEXANDRE


“O que crea fascinación da beleza é que ten data de caducidade”, así explica Laura Bouza, artista e docente do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity o significado de “A Bela e a Morte”, a exposición desenvolta por proxectos do estudantado que se encarga de dirixir.


Onte ás 11.30 celebrouse un pase privado para a equipa de montaxe, familas e prensa xa que “o día da inauguración énchese tanto de xente que non permite ver as obras en profundidade”
Non obstante, ao longo do verán organizarán visitas guiadas con previo aviso.


Laura Bouza estudou Belas Artes e empezou a crear pezas de artesanía no obradoiro do seu avó, que foi carpinteiro. Precisamente, esta figura tan importante para ela na súa formación foi a que a animou a fundar esta escola que en setembro cumplirá 10 anos.“

DSCF2508 13495500
Detalle dos traballos expostos I DANIEL ALEXANDRE


A concepción destas mostras teñen un gran traballo detrás, pois unicamente a elección da idea implica labores de documentación, búsqueda de bibilografía, elaboración de distintos subtemas e xestión da dirección dos proxectos, por iso é algo que se empeza a cavilar dende principio de curso. “Eu plantexo un tema do que nacen subtemas, cada grupo escolle un no que quere traballar, e a partir de aí comeza o proceso de creación das obras”, explica a artista acerca do nacemento das materias primas das mostras.

 

Unha temática tabú


A idea de conxugar dous ámbitos que nun primeiro momento parecen tan alonxados como a beleza e a morte nace dunha reflexión sobre o concepto da primeira que prevalece hoxe en día. “Ao principio ía ser o belo e o bestia, pero despois o bestia foi evolucionando e mutando e decidín que había que traballar a beleza e a morte porque me parecen transversais, importantes, e nos utilizamos o laboratorio e a arte para dar cabida a estes temas que a mocidade non adoita abordar de maneira diaria”. Laura explica como a morte “está cada vez máis alonxada, agora os tanatorios están nas periferias, xa non se vela na casa, a xente maior non convive coas familias porque adoitan vivir nas residencias” e o describe como “un tema profundamente humano que se está deshumanizando”, de aí a importancia de fomentar a súa reflexión.

 

“Decidín que había que traballar a beleza e a morte porque me parecen temas importantes e transversais”


A directora da exposición describe como “fundamental” que as temáticas afloren de comentarios que xurdan nas aulas. O curso pasado tratou acerca de arte e trastornos mentais, sendo a adición ao móbil un dos principais detonantes. 

 

DSCF2511 13501049
A cor ten unha gran presenza no espazo I DANIEL ALEXANDRE


O perfil de Laudas Calamity é diverso en canto a idades, pois a súa oferta contempla clases tanto para os máis pequenos da casa como para adolescentes ou xente adulta, pero cunha atracción pola arte en todas as súas disciplinas. A docente afirma que “non  se precisa saber debuxar nin pintar para ter unha educación artística de calidade” e outorga máis importancia á motivación, as ganas e a curiosidade. A propìa Laura Bouzas xunto con Verónica García son as encargadas de impartir estas clases e de motivar ao seu alumnado a non perder a motivación de aprender e de crear.

 

Unha labor colectiva

 

Esta mostra, con entrada de balde e apoiada polo Concello de Fene, faise posible grazas á implicación dos aprendices e das familias, pois levar a cabo unha exposición “con tanta xente sería inviable sen un compromiso real”.Así, a docente e fundadora de Laudas Calamity agradece a todas as persoas implicadas ao tempo que anima ao público a visitar a sala de exposicións temporais do Museo do Humor en Fene, segura de que os proxectos van sorpender porque “está todo moi mimado e moi coidado”.


A artista tamén subliña a importancia deste tipo de exhibicións que amosan o traballo que se desenvolve nas aulas durante tantos meses, que dentro da súa relevancia, o que realmente constitúe o broche final dun curso cargado de arte e creatividade é a súa presencia na sala e o diálogo das obras entre si na propia exposición.
 

Inauguración de "A Bela e a Morte", mostra artística creada polo alumnado de Laudas Calamity

Te puede interesar