Borja Ramón López, Lucía Rodríguez e Iván Mouronte, gañadores dos premios Curuxa

Borja Ramón López, Lucía Rodríguez e Iván Mouronte, gañadores dos premios Curuxa
Imaxe da reunión do xurado celebrada hoxe no Museo do Humor | CEDIDA

A vixésimo sétima edición do concurso de humor gráfico Curuxa do Humor de Fene coñece xa o nome dos seus gañadores. O xurado acordou outorgar a Borja Ramón López Cotelo, “El primo Ramón”, o primeiro premio Curuxa (categoría para maiores de 25 anos); a Lucía Rodríguez Cid o primeiro premio Curuxa Nova (categoría de 16 a 25 anos); e a Iván Mouronte Barreiro o 1º premio na recén estreada categoría Caricatura (para maiores de 16 anos).


Ademais, resultaron finalistas do certame Manuel Arriaga de León (Curuxa), Adrián Jamardo Fernández (Curuxa Nova) e Iván Mata Tamayo (Caricatura). E reciben mención especial polos seus traballos os debuxantes Carles Ponsí Dalfó (Curuxa) e Asier Sanz Nieto (Caricatura). O xurado estivo integrado polo alcalde, Juventino Trigo; o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, a responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos; e os humoristas gráficos Santy Gutiérrez, Manuel A. Vázquez e Pedro Bouza.


Valoracións

Do traballo “Turistificación” de López Cotelo, máis coñecido polo seudónimo de “El primo Ramón”, valoraron a actualidade do tema, o impacto gráfico, o acertado do texto e a súa carga emocional. O premio está dotado con 2.500 euros e diploma.


Da obra de Lucía Rodríguez, que recibirá 1.500 euros de premio, denominada “Pesca de baixura”, púxose en valor o feito de que aborda un tema global tratado de xeito local e con retranca galega, salientando ademais a calidade do debuxo e da cor. Do traballo “Microgayoso”, de Iván Mouronte, gañador na categoría Caricatura (dotado con 1.500 euros), valorouse, entre outros aspectos, a escolla dun personaxe icónico en Galicia, moi recoñecible, e que a obra achega unha historia máis alá do mero parecido.


Os Premios Curuxa do Museo do Humor Xaquín Marín buscan recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento, ademais de procurar unha maior proxección do museo. No último trimestre do ano desenvolverase a exposición coa selección dos traballos presentados, 77 en total (44 na categoría Curuxa, 13 na de Curuxa Nova e os 20 restantes en Caricatura). 

Borja Ramón López, Lucía Rodríguez e Iván Mouronte, gañadores dos premios Curuxa

Te puede interesar