As Pontes volve á época galaico-romana da man dunha nova “Cita coa Historia”

As Pontes volve á época galaico-romana da man dunha nova  “Cita coa Historia”
Lorena Tenreiro é a concelleira da Cultura da vila | concello

Cunha faciana lúdica mais tamén didáctica, a Cita coa Historia das Pontes chega esta fin de semana á súa oitava edición recreando un período, o galaico-romano, con moitas pegadas na vila e que aínda segue a descubrir aspectos descoñecidos para propios e estraños. 
 

As rúas do casco histórico volverán acoller unha iniciativa que, explica a concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, busca afondar nos xeitos de vida naquela época. “O enfoque, o marco histórico”, engade, “sempre é o mesmo, pero as propostas mudan”. Así, por exemplo, mantense a disposición dos espazos –unha rúa dos oficios, outra para o mercado, outra para a gastronomía, a praza como centro neurálxico e o parque a carón do Eume para os concertos–, pero varían os contidos. “Imos incorporando novas actividades para que a xente coñeza as distintas profesións e traballos que existían daquela. Este ano ten moito peso a forxa, a pintura mural e a xoiaría; outros anos foi máis encamiñado cara ao téxtil ou a cerámica”.
 

Tenreiro asegura que a Cita coa Historia ten contribuído a ampliar o coñecemento dos veciños e veciñas sobre o pasado e o patrimonio pontés, sempre a través de actividades “abertas, participativas e que poidan resultar interesantes”. “As Pontes”, subliña, “ten unha historia moi longa e vizosa que non xorde da nada ou porque se instale unha grande empresa; hai moito detrás, moitos séculos de historia, polo que é importante achegar á xente ao patrimonio histórico e cultural e facelo dunha forma que non resulte tediosa, senón divertida”. 
 

Nese sentido, Tenreiro non agocha o impagable labor de concienciación que ten desenvolvido o museo etnográfico Monte Caxado. “É peza clave na dinamización da vila e tamén un espazo estupendo para coñecer como fomos e como somos. Todo o bo que digamos del seguirá sendo pouco”, asegura a concelleira de Cultura. 
 

Programa 

A oitava “Cita coa Historia”, na que colabora a asociación veciñal Lembranza da Vila, comeza mañá venres ás 17.00 horas coa apertura das rúas do mercado e mais dos oficios. Inaugúrase cun primeiro obradoiro guiado sobre forxa antiga e, precisamente, cunha visita ao etnográfico Monte Caxado.
 

O pregón, ás 20.30 horas na praza da Igrexa, correrá a cargo do veciño José Miguel Varela Lamigueiro e logo haberá pasarrúas, protagonizado por Os Feroces da Galgueira.
 

O sábado, o día comeza ás 11.30 horas cun obradoiro de torneado e talla en madeira e outro sobre cetrería. Media hora despois comezará o concurso de caracterización e unha nova actividade práctica sobre técnicas de pintura mural romana. Entre outras propostas máis, ás 12.30, a asociación Lucius Spilicus Divulgación ofrecerá unha mostra sobre a orixe da gladiatura.

As Pontes volve á época galaico-romana da man dunha nova “Cita coa Historia”

Te puede interesar