Ares pon en marcha a acción “Camiños escolares seguros”

Ares pon en marcha a acción “Camiños escolares seguros”
Recreación da nova zona de tránsito peonil | cedida

O Concello de Ares informa de que se vai sumar “a unha das principais tendencias urbanísticas que están a transformar a maneira en que a cidadanía se relaciona co municipio no que habita: recuperará espazo público adicado á mobilidade a pé ou en bicicleta por enriba do vehículo privado”. Por elo vai favorecer a creación dun lugar seguro onde encontrarse, interactuar e acceder a edificios de interese para a comunidade local.


Con esta planificación sobre a mesa, o Concello vén de licitar e adxudicar dous proxectos enmarcados nos obxectivos da Red Española de Ciudades Saludables (RECS). Trátase do denominado como “Camiños escolares seguros”, que xa funcionan noutros concellos. Trátase dunhas propostas de itinerarios que se executarán en dous treitos. O primeiro treito abarcará dende a rúa Solín, á altura da Avenida Saavedra Meneses (paseo marítimo) ata a rúa Real, vinculando dúas das arterias con maior capacidade de renovación urbana en Ares. Despois, traballarase tamén no treito que une a rúa Real co CPI As Mirandas, finalizando no encontro da rúa Celso Emilio Ferreiro e Maciñeiras.


En ambos trazados recóllese unha intervención que contará cun marcado carácter transformador nesta posta en marcha da peonalización de itinerarios. A construción dunha plataforma única nos treitos citados anteriormente “igualará as cotas das aceiras e da calzada para crear un espazo totalmente accesible, libre de barreiras, e onde o viandante poida transitar sen problemas”, aseguran desde o Concello.


Esta plataforma única contará cunha gama cromática propia, empregando tonos terrizos e diferenciándose do resto da pavimentación pública. Mais tamén precisan desde o goberno aresán que haberá outros elementos que contarán coa súa propia pintura, como é o caso dos pasos de peóns, con diferentes cores que sirvan para poder chamar a atención dos condutores e conseguir así reducir a sinistralidade. Empregarán pintura ecolóxica e converteranse noutro dos trazos característicos e diferenciadores das vías seguras e de predominancia do transeúnte.


Finalmente, este tipo de camiños escolares propoñen a instalación de sinalizacións verticais que indiquen o itinerario cara ao colexio, facendo que sexa seguro e atractivo camiñar da casa ao CPI As Mirandas.


Bica e arrinca


Co foco posto máis aló da transformación da mobilidade, esta recente adxudicación dos proxectos tamén implicará a inclusión do programa “Bica e arrinca” na contorna de influencia do CPI As Mirandas. Urbanismo adaptará un espazo de aparcamento que estará temporalmente limitado e que se destinará a familiares e escolares. Con esta medida crearase un lugar seguro onde recoller e deixar aos menores durante o proceso de chegada ou saída.


As actuacións que se proxectan contan cun investimento próximo aos 50.000 euros, impostos incluídos, asumidos entre fondos municipais e a devandita Red Española de Ciudades Saludables (RECS). 

Ares pon en marcha a acción “Camiños escolares seguros”

Te puede interesar