“Alta Costura” ridiculiza ao humano e a súa persistencia co “fast fashion” nas Pontes

A compañía teatral Elefante Elegante estrea o sábado esta obra coa que dá un xiro social ás súas temáticas, sen perder o humor
“Alta Costura” ridiculiza ao humano e a súa persistencia co “fast fashion” nas Pontes
Elefante Elegante foi fundada por Gonçalo Guerreiro e María Torres no 2000, nos inicios con sede en Bélxica | CAROLINA DÍGALE

O auditorio Cine Alovi das Pontes volverá ser escenario para unha estrea absoluta de Elefante Elegante este sábado, ás 20.00 horas, nesta ocasión dando un cambio de rumbo de dentro a fóra: das temáticas familiares ás problemáticas sociais. A pesar de que “Alta Costura” trata un tema que agocha tanta traxedia como o “fast fashion”, a compañía liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro abórdao con altas doses de humor e, coma sempre dende o teatro xestual.


Este colectivo residente no concello de Culleredo dende fai seis años, co que ten o acordo de preestrear as pezas para o alumnado local a porta pechada, reelixe a sala pontesa polas facilidades que achega e especialmente pola excelente dotación técnica, tanto de iluminación coma de son, tal como apunta Guerreiro, amais da relación da produtora de arte, Carolina Dígale, con este territorio.


Os responsables da compañía, que xa levara a escena textos de Tiago Alves Costa, recorreron ao autor unha vez investigada a temática e ter traballado na dramaturxia. Tamén contactaron con Manuel Fonte Loureiro para que compuxera as músicas, con Carolina Dígale para a parte estética de vestiario, escenografía e atrezzo, así como con Laura Duarte para o deseño da iluminación. E por suposto, co elenco: Raquel Crespo, Pablo Sánchez, María Torres e a tamén cantautora mugardesa Sofía Espiñeira.


Xermolo

Hai arredor de dous anos, “cando vimos que a nivel europeo e mundial había unha tendencia de partidos políticos que están chegando ao poder, que non teñen unha conciencia social moi forte, que non apostan por un papel regulador do estado, que tiran cara a privatización...”, sinala Gonçalo Guerreiro, dende Elefante Elegante comezaron a cavilar neste tipo de temáticas. Así, os directores rachan coa lóxica neoliberal que fomenta que “quen ten cartos sálvase e quen non ten cartos queda tirado”, continúa, en referencia a servizos como o acceso á cultura, á saúde ou á educación.


Neste contexto, a compañía repara en que “estase consumindo roupa dun xeito moi obsesivo”, e que se antes a oferta “cambiaba dúas veces ao ano, agora hai tendas que vas e ves pezas novas cada semana”, denuncia Guerreiro. Son produtos a prezos irrisorios por ser confeccionados en “países do sur global, onde se vive mal e nós, dalgún xeito, estámonos aproveitando desa man de obra barata”; amais dos materiais sintéticos que “son altamente prexudiciais para o noso organismo: estamos vestindo veleno”.


O creador dá conta de que existen moitas prendas novas “que non se venden porque cambian de tempada, de colección, e quedan fóra de catálogo”, polo que se adoita doar a outros países, na súa maioría de África e Sudamérica, “e alí non hai pobo dabondo para vestir tanta roupa”, onde tampouco existe capacidade de xestionar a súa reciclaxe, ocasionando auténticos desastres socio-ecolóxicos.


Gonçalo Guerreiro relata, volvendo á orixe que o leva a abordar a temática, que “na nosa subxectividade, este consumo louco vén da competición entre seres humanos”, unha tendencia ao individualismo que aproveitan para demostrar nesta peza “o ridículos que somos, que podemos parar e disfrutar de estarmos vivos e xuntos”. Así mesmo, lembra o surrealista do lema que trata de publicitar o propio sector da moda “fast fashion”: “Merca como un billonario”. 

“Alta Costura” ridiculiza ao humano e a súa persistencia co “fast fashion” nas Pontes

Te puede interesar