“Aunque usted pueda pagarlo...”

Aconteceu a finais de marzo de 1974 e, aínda que eu era bastante neno, recordo claramente o slogan naquela televisión en branco e negro. Todo sexa dito de paso, difícil de comprender e que se me asemellaba, por pouco comprensíbel, ao que nos dicían as nosas mais, así que nos resistiamos a comer algo de que non gostabamos, “tes que comelo, con tanto neno negro en África como hai pasando fame”. Acabándonos por ser imputado o feito de que o citado meniño africano non puidese ter acceso á comida, e todo por culpa de que non quixésemos comer o que a nós nos correspondía. 
A campaña publicitaria, “Aunque usted pueda pagarlo, España no puede”, respondía a unha situación concreta de crise enerxética, non exclusivamente nosa, senón de repercusión internacional. O embargo do petróleo leváranos á contención no seu consumo. E o goberno franquista, o último en Europa en aplicar este tipo de medidas, viríase a sumar finalmente. 
Desde 1974, todo o sector público –organismos oficiais e servizos públicos– aplicaran este tipo de medidas de xeito obrigatorio. En outubro de 1976, un ano despois de morto o ditador, publicáranse unha serie de recomendacións, agora entre os particulares: 1. Limitación voluntaria do límite de velocidade dos automóbiles a 90 km/h, utilizando con maior frecuencia os transportes públicos 2. Redución da temperatura e horas de funcionamento das calefaccións 3. Diminución da iluminación comercial en intensidade e tempo 4. Redución do consumo de enerxía eléctrica en usos domésticos e comerciais 5. Limitación, en usos industriais, do consumo das diferentes fontes de enerxía. 
A xulgar por como andan as cousas na actualidade, falando de aforro no consumo da enerxía eléctrica, quen é capaz de nos poder librar do tarifazo iniciado neste primeiro de mes, por máis que queiramos reducilo? Entre lecturas estimadas e reais, ou que vostede estea dentro do mercado libre ou do regulado, o feito de que o mercado diario libre da electricidade equivalla a un terzo do recibo, non ofrece moitas garantías. 
Alén diso, as razóns de competencia entre as comercializadoras eléctricas, acaban por ser do máis capciosas, pois as tarifas dunhas e doutras tenden a se achegar por, paradoxalmente, lóxica da propia competencia. Os oligopolios estabelecidos optan por faceren pactos de prezos de modo que as marxes de beneficios acaban sendo semellantes en todos os casos e o consumidor, ao cabo, vén ser o máis prexudicado. 
Deste xeito, o mercado diario estabelece o prezo da enerxía en función da demanda prevista por cada hora do día, que así acontece desde 2014 en que se abandonou a compra por poxa trimestral. O prezo, en principio, fíxase pola oferta máis barata de enerxía, aínda que, contrariamente ao esperado, estabelécese a través da tecnoloxía máis cara, tal e como está a suceder co gas agora. Curiosamente o gas natural, xusto cando máis falta facía por causa da vaga de frío polar que acabamos de pasar, escaseou no sur de Europa. O consumo incrementouse en máis dun 25% e as necesidades de xeración eléctrica disparáronse un 55% en relación co mesmo período de 2016. 
O xogo perverso das eléctricas está en achacarlle ao goberno todas as culpas da suba, que elas din non poder controlar, debido, entre outras, ás primas no recibo por causa das enerxías renovábeis, aos custos derivados da Comisión Nacional de Mercados e da Competencia, aos custos extrapeninsulares, ás axudas ao carbón, aos impostos, etc. Quérese dicir, a culpa estaría nos restantes dous terzos da tarifa da luz que paga cada usuario. Sábese, si, que o megavatio hora xerado é neste mes de xaneiro un 55% máis caro que no mes anterior ou, dito doutro xeito, máis caro que no ano 2016, e dita suba ten a súa orixe na compra no mercado diario da electricidade. 
Paralelamente a isto, é interesante notar o chamado autoconsumo, sobre todo o xerado por medio dos paneis solares fotovoltaicos, o cal ten dado lugar a un controvertido borrador dun Real Decreto, cuxas condicións encarecerán o autoconsumo. 
Á tarifa de acceso á rede eléctrica hai que engadirlle a chamada peaxe respaldo, que é a imposibilidade de verter á rede o exceso de enerxía producida para despois poder ser recuperada cando fixer falta, e que si practican a maioría dos países que aplican o autoconsumo. 
En definitiva, España continúa a ser o cuarto estado europeo máis caro na tarifa da luz, só por detrás de Dinamarca, Alemaña e Irlanda, e pese a ser produtor de electricidade e até excedentario mesmo. Hai quen sosteña que o antigo sistema regulado, anterior pois ao proceso de liberalización, era máis eficiente que o actual, sometido ao exercicio de poder das compañías xeradoras. Infelizmente, hoxe é cada vez maior o número de lares abocados á pobreza enerxética, e mesmo a pasar necesidades os da clase media, por tentar aforrar drasticamente a custo dunha ostensíbel perda na calidade de vida. En suma, que aínda que vostede non sexa capaz de pagalo, as eléctricas conseguirán que poida facelo.
 

“Aunque usted pueda pagarlo...”

Te puede interesar