OCASO DO MUNDO DO LIBRO?

O imparábel mundo das novas tecnoloxías e as redes sociais en xeral está a provocar unha brecha insalvábel para unha parte, cada vez maior, da sociedade. Nada descubrimos ao dicirmos que a unha sociedade avellentada como a nosa, o mundo, en certa medida, se lle está indo das mans. Que a estas alturas da súa vida talvez tampouco é que lle interese demasiado, ou que a perda de dito interese garde relación directa con que xa non comprende unha inmensidade de cousas ligadas a esa nova sociedade. É un feito irrefutábel que a era dixital mudou radicalmente modos e hábitos de vida, así como as relacións, o mundo laboral e comercial, ou, por exemplo, o do ensino, impensábeis só trinta anos atrás.
Dun tempo a esta parte xa viñamos sospeitando que a Consellaría de Educación, con relación aos novos horizontes e en alianza coas novas tecnoloxías, estaba a marcar unha rota, aínda que pouco concreta. Agora parece estar algo máis definida, a xulgar polas noticias que veñen de saír nestes días. Isto é, a aplicación do ensino dixital integral, comezando por aqueles centros adscritos ao Plan Abalar, en que os libros electrónicos, seica, substituirán os manuais de texto tradicionais. O aforro, en termos absolutos, e segundo os seus propios cálculos, virá a ser duns 4,5 millóns de euros de rebaixa para o curso 2016-2017. A Xunta aforraría uns 2 millóns en axudas ás familias e as familias uns 2,5 millóns en gastos escolares. En resumo, e falando de aforro, que todos contentos con dita medida.
A creación por parte da Consellaría de Educación dunha plataforma virtual de contidos curriculares completos, á cal os estudantes en horario lectivo e coa conexión a internet dos seus computadores Abalar, poderán acudir para descargar os materiais formativos, certo é que pode resultar moi atractivo. Logo na casa, e sen necesidade de internet nin computador e de forma gratuíta, poderán consultalos no seu libro electrónico. Un atractivo máis a ter en conta. Un enorme aliciente desde o punto de vista do aforro e dunha grande comodidade, mesmo canto ao alixeiramento da mochila do alumno se refire.
Mais velaquí que unha vez vistas todas estas bondades que se nos publicitan, e considerando que o papel impreso foi a ferramenta tradicional e básica con que nos educamos escolarmente, hai toda unha chea de dúbidas que, de entrada, veñen a inquietarnos. Serán os alumnos capaces de saber estudar polos libros electrónicos? Damos por feito que estes han de ter incluídas ferramentas que permitan o subliñado ou outras técnicas semellantes para destacar texto. Sendo formato dixital, sempre se poderá contar coa posibilidade de que estes textos xa resumidos poidan ser logo impresos. Logo, pódese cometer o erro de que grande parte do alumnado, por así dicilo, deixe practicamente de escribir de forma física sobre follas de papel ou sobre un caderno. En consecuencia, que o rendemento posterior por escrito na escola pódese ver enormemente afectado.
Lévanos isto a outra dimensión do problema, tamén relacionado coas redes sociais en xeral. Estamos a falar das polémicas suscitadas pola aprendizaxe da linguaxe do móbil nas aulas de Lingua. Hoxe en día, sabémolo, os nenos nacen cun trebello dixital debaixo do brazo. A necesidade da inmediatez da comunicación, ademais de máis barata, incítanos a un uso corrente de ferramentas como o WhatsApp. A linguaxe dos chats –signos abreviados como no seu día fixo a taquigrafía– foise estendendo de tal maneira que hoxe son unha realidade presente difícil de obviar. Estamos perante unha ferramenta máis de uso cotiá, talvez motivo de explicación na materia de Lingua, semellante a outra sorte de linguaxes: o morse, o código Braille ou a de signos dos mudos. Certo que o calado social do WhtasApp é substantivo, que os rapaces desde que nacen co trebello ao sobrazo xa pouco menos que o traen sabido de serie, e que nós sabemos infinitamente menos ca eles e pouco máis hai que lles explicar.
O miolo do asunto está en se se fai disto cuestión de fe, isto é, se se consagra no currículo, pois un dos obxectivos da LOE é: “Desenvolver destrezas básicas na utilización das fontes de información para, con sentido crítico, adquirir novos coñecementos. Adquirir unha preparación básica no campo das tecnoloxías, especialmente as da información e a comunicación”. Mais é manifesto que o alumnado en xeral escribe e le cada vez peor, exprésase deficientemente, e comprende moi mal os enunciados dos exercicios, xa sexan de Historia ou de Matemáticas. A lectura comprensiva estase a descoidar, lese cada vez menos ou ben hai un empobrecemento lector importante, adquirido se cadra por un modo de lectura de verdadeiro flash que non afonda nos contidos. É interesante o aforro económico que agora se nos presenta, tanto á Administración como aos pais. Nin queremos pensar na ruína ou reconversión á que o sector editorial se ha de ver abocado. Mais, finalmente, canto gañará o alumnado en aprendizaxe real? E en coñecementos?       

 

OCASO DO MUNDO DO LIBRO?

Te puede interesar