Maneiras de facer contas coa historia

O trece de setembro liamos no xornal unha noticia sobre un xuízo que se celebraría en Alemaña a un enfermeiro de Auschwitz de 95 anos. Quérese dicir, a xustiza alemá continúa a celebrar xuízos sobre as atrocidades cometidas durante o período en que o nazismo levou a cabo os crimes de que hoxe somos tan sabidos. Dunha parte, porque tamén sabemos que os crimes de lesa humanidade nunca prescriben. Doutra parte, porque sabemos que os alemáns, de mellor ou peor xeito, souberon ir conxurando os seus fantasmas do pasado. O caso é que Hubert Z. (nome do enfermeiro nazi) compareceu en cadeira de rodas, sendo a cuarta tentativa de iniciar o proceso. 
As persoas que aínda poden ser motivo de xuízo en Alemaña por teren participado ou ter sido parte do nazismo, son hoxe moi poucas e, ademais, dunha avanzadísima idade. Setenta e sete anos van transcorridos desde que se iniciara a II Guerra Mundial. Con todo, é un feito constatado como o exercicio da xustiza se continúa a desenvolver desde que esta ten terminado e o xuízo de Núremberg acabou por asentar as bases desa xustiza universal. O Centro Simon Wiesenthal ten localizado e sentado no banco dos acusados moitos destes casos de nazis fuxitivos. 
O afamado “Mein Kampf”, o libro escrito por Hitler en 1925, chegou á cifra de vendas de 12.450.000 exemplares. Un panfleto pseudocientífico e racista –a xulgar por quen o leu–, mais que suscitou un elevadísimo número de lectores no momento. A súa reimpresión foi prohibida ao longo de 70 anos, cuxos dereitos pesaban sobre o ministerio de Finanzas de Baviera, que levou adiante unha campaña para impedir que o libro saíse á venda noutros países. Pero os dereitos de autor expiraban o 31 de decembro de 2015 e corríase o risco de que caese en mans de partidos de extrema dereita que se puidesen facer con eles. Porén, o instituto de Historia Contemporánea de Múnich conseguiu obter en 2012 un permiso do goberno bávaro para realizar unha ambiciosa publicación comentada. Esta nova edición, “A miña loita, unha edición crítica”, conta con máis de 3.500 comentarios para contextualizar o manuscrito orixinal. 
Durante este verán púidose ver no Festival de Cinema de Múnich o documental “Unha vida alemá”, posteriormente exhibido no de Xerusalén e no de San Francisco. Non exento de polémica, a fita desenvolve unha conversa mantida, durante máis de trinta horas, con Brunhilde Pomsel, secretaria de Joseph Goebbels, ministro de Propaganda do goberno nazi. Con hoxe 105 anos de idade, resulta patético vela afirmar unha e outra vez que ela nada sabía acerca do que alí se tramaba. Estamos a falar do Ministerio de Propaganda! Redactábanse cartas en que se reducía o número de soldados nazis caídos en combate e exaxerábase o número de mulleres violadas polo Exército Vermello. O expediente da estudante e activista Sophie Scholl que, tras distribuír panfletos pacifistas na universidade de Múnich (1943), foi acusada de traizón e condenada a morrer na guillotina, foille confiado confidencialmente a Pomsel. Confesa tamén saber dunha amiga súa, xudía, Eva Löwenthal, que non tivo máis que problemas desde que subiu ao poder Hitler, e como lle impactou a detención dun popularísimo locutor de radio que terminou nun campo de concentración por ser homosexual. 
Os xudeus, segundo a propaganda oficial nazi –epicentro laboral de Brunhilde Pomsel–, eran levados das súas casas para repoboar os Sudetes. A xente apresada era conducida aos campos de concentración para ser reeducada. Pomsel viviu unha vida regalada e ignorante de canto sucedía ao seu redor, conforme o dito no documental. Admiraba con franqueza a Goebbels, un home cabaleirosísimo e polo cal até sentía pena porque a súa coxeira o facía parecer arrogante. Tomado Berlín, Hitler suicidouse, pero tamén Goebbels e toda a súa familia. Pomsel foi detida polas tropas soviéticas e condenada a cinco anos de cárcere. 
Hai quen afirma que España é o país con máis desaparecidos despois da Camboxa de Pol Pot. Sexa como for, o franquismo conseguiuno grazas ao seu réxime de terror. De crimes de lesa humanidade, nada se xulgou aquí. (Lembren a lei de punto final á morte do ditador.) Tampouco se pide. Pídese xustiza: da que tenta resarcir, limpar o nome, encontrar os desaparecidos para seren dignamente enterrados, da que entoe un mea culpa institucional dunha vez por todas. Alemaña fíxoo e continúao a facer. É incuestionábel que houbo un réxime de terror avalado por millóns de persoas que actuaron máis ou menos activamente ou ben quixeron ollar para outro lado. Pomsel non garda sentimento de culpabilidade ningún, e parece verse aliviada ao repetir unha e outra vez que simplemente se comportou como tantísimos outros alemáns. Da España do 36 e posterior, todo e nada sabemos, pois as argucias legais, o tabú institucional, así como os organismos do Estado pertinentes ollan para o outro lado tamén, ou ben poñen a cambadela. Dígase en resumo: dúas ben encontradas maneiras de facer contas coa historia.
 

Maneiras de facer contas coa historia

Te puede interesar