Hoxe é día de enganos

 ninguén pasa inadvertido que o día 28 de decembro é o Día dos Santos

 ninguén pasa inadvertido que o día 28 de decembro é o Día dos Santos Inocentes. Trátase do día por excelencia en que temos por costume gastarnos bromas de todo tipo, ora sexan as piadosas as que máis abunden. Os medios de comunicación mesmo se suman a dita celebración, querendo facerse partícipes deste espírito de engano en que, dígase de paso, existen verdadeiros artistas da simulación. De fetio, vai alá unha chea de anos en que se falaba desde a Radio Galega dun barco que tería embarrancado nunha praia ou coído pola Costa da Morte que viña cargadiño de electrodomésticos. O caso é que a xente do lugar andaría por alí a beneficiarse daquilo que disque dita a “lei do mar”. E así mesmo foi, pois imbuídos dese espírito de rapina –chámese de pasear/roldar a praia, andar ás crebas ou ao raque, asunto de que tanto souberon (saben) os habitantes das nosas fisterras europeas–, o caso é que alá se foron presentando, seica, persoas e máis persoas até formaren grupos ben xeitosos. 
Mais este día de gastarmos bromas, 28 de decembro, dista moito de se tratar dunha data de carácter internacional, pois fica restrinxido ao Estado español e ao que foron colonias españolas, isto é, Hispanoamérica e as Filipinas. Así pois, as inocentadas (bromas) son inferidas aos inocentes e, iso si, so o presuposto de que estes, as vítimas, non poden incomodarse unha vez caeron na celada. Existe na provincia de Alacant, en Ibi, o curioso festival chamado “Els Enfarinats”, onde os inocentes van uniformados con vestimentas militares provocando unha guerra de fariña, feito que tanto nos recorda o Domingo Fareleiro, de enorme raigame no noso entroido limiao. Ora ben, sexa como for, o Día dos Inocentes, ou dos Santos Inocentes, vén coincidir coa matanza que a tradición católica imputa ao famoso rei Herodes. Dito rei, e pese a que ningún relato histórico remita ao tal episodio, tería mandado matar a todos os meniños menores de dous anos. Herodes I o Grande, rei de Xudea, Galilea, Samaria e Idumea, pasaba, certamente, por ser cruel, pero nada podemos corrobar historicamente a respecto do citado episodio bíblico. 
En moitos outros lugares do mundo existe, porén, outro día para a celebración das bromas ou inocentadas. Estamos a falar do día 1 de abril. Este día, que corre popularmente co nome de festa dos tolos, cobra especial forza en Francia, e as súas orixes, como decote acostuma acontecer con estas cousas, son pagás. Chámese Fool’s Day –no mundo anglosaxón–, Poison d’avril ou Pesce d’aprile –respectivamente, en Francia e Italia– ou Dia da Mentira –no mundo da lusofonía–, este primeiro día do mes de abril viña a coincidir co inicio do ano (Ano Novo), cousa que sucedía antes de que houbese a mudanza para o actual calendario en vigor, acontecida a partir de 1582, e que fora promovido polo papa Gregorio XIII, o cal modificaba o anterior ou calendario xuliano. A diferenza fundamental estaba en que este non tiña en conta os anos bisestos, o cal pasiño a paso fora provocando circunstancias tan anómalas como, por exemplo, a Pascua ir achegándose pouco a pouco ao Nadal, de aí a necesidade de ter que ser corrixido. O caso é que a hipótese máis difundida para a celebración deste día foi a adopción por parte do rei Carlos IX de Francia do novo calendario gregoriano, de modo que o 1 de xaneiro pasaba a ser, definitivamente, o Ano Novo. Moitos franceses teríanse resistido á mudanza, de aí que acabasen por ser obxecto das mofas dos que si foron capaces de asimilar o novo. O envío de obsequios e convites para festas inexistentes puido ter sido o inicio destas burlas, as cales comezaron a ser coñecidas co nome de plaisanteries.   
Unha vez visto isto, preguntémonos, que terá que ver a matanza duns meniños inocentes coa celebración de gastar bromas no 28 de decembro? Houbo quen quixo remontarse ao feito de algúns cidadáns de Belén teren logrado burlar os soldados de Herodes, tendo así mentido na idade dos nenos. Dito engano tería sido despois trasladado ao noso contexto, exento agora de todo elemento dramático, en alusión a estas hábiles artimañas. Con todo, parece moi pouco sólida esta hipótese, sendo moito máis firme aqueloutra que fala dunha tradición de arraigo medieval. A Festa dels folls (en territorios que foron da antiga coroa de Aragón) ou Fêtes des fous (de Francia e Valonia e outros territorios europeos) remiten a unha celebración transgresora en que o mundo se subverte, ou sexa, a orde estabelecida. Unha persoa de condición humilde era escollida polos da súa mesma condición social para ostentar de xeito simbólico un cargo importante. Permitíaselle ter un séquito e poder mofarse ou gastar todo tipo de bromas a outros concidadáns. As autoridades, co paso do tempo, víronse na obriga de ter que prohibilo, xa que a cousa se lles fora indo das mans. En Francia, por exemplo, tiñan lugar nas igrexas, cos sacerdotes exercendo como actores. Aínda que o rito, ao final, vén afondar as súas raíces moito máis atrás, nas Saturnais dos romanos, próximas ao solsticio de inverno, festividades que se facían en honor ao deus Saturno e en que o escravo, en grandes paparotas, pasaba a ser servido polo amo, rotas por uns días as barreiras sociais. Nesta ficción, tal e como facemos no momento actual ao desexarmos paz e amor durante o Nadal, brindábase tamén pola mutua felicidade. 
Diciámolo máis arriba, Dia da mentira (ou das mentiras), Dia das petas, Dia dos tolos (de abril), Dia da gafe e Dia dos bobos, son diferentes maneiras de designar no mundo da lusofonía este primeiro día de abril. O noso insigne Ramón Otero Pedraio facía mención a un noso refrán, <<O un de abril van os burros onde non deben ir>>, en clara alusión ao día das brincadeiras. Esta tradición lémbrase aínda por comarcas das Rías Baixas e do Rosal. Nesta data (ou noutras de contido semellante) era tradicional no noso rural facer bromas entre veciños: os testos desaparecían dos patios, os chourizos voaban dos fumeiros, os carros quedaban sen burro e as potas de caldo abandonaban o lume ao máis mínimo descoido da cociñeira. Coñecíase aquí como Día dos enganos ou Día dos burros e, sexa como for, quer o dos Inocentes, quer estoutro, ambos son da mesma condición.