ESTÍMULOS CONTRARIOS TRAS A VIAXE

Toda viaxe implica unha aprendizaxe. Máis, cando se viaxa a un lugar significativamente distinto ao teu, quer por razóns culturais, lingüísticas, históricas, quer por calquera outro tipo de razóns. E, queirámolo ou non, acostumamos a comparalo con aquilo que máis coñecemos –co noso–, de modo que o fiel da balanza se virá a inclinar para abaixo ou para arriba en función das diferentes variábeis estabelecidas. Mais as tales comparacións non son óbice para pensar necesariamente que estar dunha ou doutra parte do fiel sexa mellor ou peor aos nosos intereses. Porén, permítanme que vaia por partes. 
Acabamos de chegar dun fermoso periplo feito polo sur de Alemaña e Alsacia (hoxe territorio francés). Cos ollos aínda impregnados de tanta cousa bonita, e algunha que outra fea, a reflexión faise necesaria. O clima de toda esta zona percorrida pódese considerar oceánico de transición continental, o que tampouco chama de maneira especial a nosa atención, pois garda bastantes semellanzas coa nosa paisaxe. Moito verde, moito arboredo, moito cultivo, moito río. Pero, incuestionabelmente, unha paisaxe racionalizada e domesticada. Enormes extensións de agras de trigo e cebada segadas, agora restrollos. Inmensos milleirais, maiores aínda na Alsacia vista: a fosa tectónica entre os Vosgos e a Selva Negra. 
Tan coidadísimos están, que os prados da Selva Negra, con gado vacún pastando, parecen rapados con cortacéspede. Os bosques de coníferas, abetos fundamentalmente, ocupan miríades de hectáreas. É tal a perfección e a harmonía que até nos pode chegar a parecer de mentira. A realidade, porén, xorde nos datos. Existen 17.200.000 ha. totais de superficie cultivadas en Alemaña, cun tamaño medio de 32 ha por explotación. O número de traballadores ocupados neste sector  supón o 3% da economía do país, o que repercute apenas nun 1% no PIB. A produtividade, no entanto, é máxima, e a agricultura, a silvicultura e a pesca xuntas provén de maiores bens e servizos que sectores tan importantes como o da industria farmacéutica ou o da papeleira. 
De regreso a Galiza co noso automóbil, o primeiro percibido, infelizmente, é un incendio. No mediodía alemán e Alsacia, a temperatura non baixou ningún día dos 30°, e até 40° houbo en Nürnberg e outras partes do Rin. Levan así parte do mes de xullo e todo agosto, e non saben o que é arder a masa forestal, porque é industria e sábena coidar. Non só na propia Selva Negra, senón polos moitos e mestos montes que fomos vendo de camiño. Salta á vista a verdadeira desgraza do minifundio en Galiza, ora non menos que o abandono do monte e o desinterese por que este arda ou non. Do noso sector lácteo, que dicir! Saneado pero sometido vilmente ao abuso dos intermediarios e empresas transformadoras. Unha porcentaxe ben cativa do mesmo sector en Alemaña, pero que vive e traballa dignamente! 
A II Guerra Mundial devastou practicamente todas as cidades alemás. Sen ningunha compaixón, mesmo aquelas con nulo interese militar para a aviación aliada, foron bombardeadas até a destrución total. Os signos son evidentes por onde pasamos, a excepción de Heidelberg e de Rothenburg. 
A primeira, respectada pola aviación pola súa condición de reputada cidade universitaria á que tiñan concorrido ilustres personalidades de medio mundo. A segunda, perdoado dun segundo ataque de bombardeos aéreos polo xeneral ao mando nese momento. Non así Manheim, á que non lle resta case que ningún edificio anterior á guerra, ou Frankfurt, unha sorte de sincretismo entre o ultramoderno de rañaceos xunto a edificacións rehabilitadas con casas de belo entramado de madeira á vista. 
O debate habido no asunto da reedificación de moitas destas cidades ten levado a que na actualidade convivan zonas rehabilitadas con grande gosto e respectuosas co pasado, ao lado de construcións modernas e funcionais. Observando as fotografías da destrución habida (1945), parece imposíbel co que hoxe vemos erguido, todo un exemplo con relación ao que aquí, e sen guerra de por medio que nos afectase, se está a facer. Ferrol Vello aseméllase a unha desas fotos, e o barrio da Magdalena asemellarase se non lle pomos freo. Alsacia (na Francia ocupada durante a guerra) non sufriu esta desgraza, con cidades incribelmente fermosas. 
Toda esta Alemaña meridional –Baden-Württemberg, Renania-Palatinado, Hessen e Baviera– pasa por ser a máis buliciosa e alegre do país. Clima, catolicismo, viño xunto con cervexa... quen sabe ben o que. Pero a conciencia social e ecolóxica están a flor de pel. As pintadas xeneralizadas non existen, tampouco o vandalismo co mobiliario público. Nas granxas e nas casas unifamiliares hai paneis solares, e a enerxía eólica está á orde do día. Nun horizonte bastante próximo (2020) preténdese acabar case coa enerxía nuclear. En fin, que a nosa observación sobre o territorio visitado non pode ser máis que superficial, pero suficiente para saber que algunhas das cousas vistas, non só poden senón que deberan ser imitadas.
 

ESTÍMULOS CONTRARIOS TRAS A VIAXE

Te puede interesar