Do TTIP ao CETA

Hai exactamente un ano escribiamos o artigo “Andar coa mosca do TTIP”. Siglas en inglés estas, Transatlantic Trade and Investment Partnership, que fan referencia ao Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos. Un tratado, é preciso que digamos, altamente lesivo para os intereses dos traballadores e dos cidadáns en xeral e, contrariamente, moi lucrativo para os grandes capitais transnacionais. Con el, a posibilidade de contestación ficaba debilitada desde o momento en que se poderían aplicar leis restritivas ao dereito de protesta. Se no momento actual as empresas poden elevar queixas contra determinadas políticas dos gobernos co argumento das obrigas emanadas da UE, nin imaxinemos o que nos agardaría caso o controvertido e descoñecido TTIP puidese chegar a ser aplicado. Afortunadamente, e facendo bon o refrán de non hai mal que por ben non veña, todo se veu paralizar, unha vez Trump se fixo coa presidencia dos EEUU. 
Mais a réplica á negativa sobre o TTIP agardaba escondida no fondo dunha gabeta, como se dunha sorte de plan b se tratase. Outro tratado comercial, neste caso so o nome de CETA, Acordo Económico e Comercial Global, entre a UE e o Canadá, que estaba xa á espera para ser debatido e ser aprobado en breve. Os acordos comerciais co exterior (o espazo alleo a UE) son, sen ningún xénero de dúbidas, competencia de Bruxelas. Pódese afirmar que raras veces ten sido un punto conflitivo até o momento, pois a desaparición das taxas arancelarias ten favorecido a día de hoxe até 44 acordos comerciais anteriores por todo o mundo. 
Mais o salto cualitativo que agora se pretende dar é, talvez, o elemento que maior controversia poida causar. Xa non se trata de entraren en xogo bens de consumo simplemente, senón bens de segunda xeración tamén ou, dito noutras palabras, fíxanse regras comúns para intercambiar servizos e investimentos, e acceder á contratación deles entre os dous bloques firmantes, unha vez estabelecidos determinados estándares. 
De maneira golosa colócanse sobre a mesa 800 millóns de potenciais consumidores coa liberalización arancelaria e da harmonización das condicións laborais entre países, fornecendo así garantías ás empresas para investiren. Os defensores do proxecto xúlgano moi beneficioso; disque creará emprego e xerará crecemento económico, sendo o Canadá un país cuns estándares sociais e de calidade moi semellantes aos europeos, de modo que os investimentos e exportacións prometen un esperanzador futuro socioeconómico. Os detractores, pola contra, xulgan que tanto un tratado (TTIP) como o outro (CETA) representan a peor cara da globalización. 
Pequenos comerciantes e produtores sairán prexudicados, ao seren as grandes multinacionais as que acaben por impor as súas condicións aos estados en asuntos tan esenciais como o medio ambiente, a saúde, a educación e as políticas sociais. O tratado, ademais, xa foi virtualmente aprobado pola UE, só faltando a aprobación necesaria de todos os parlamentos, tanto estatais como autónomos (se posuíren tales competencias), en que Valonia, dun xeito especial, ten desenvolvido un papel belixerante a respecto da aprobación por parte de Bélxica. O CETA vén ser un acordo considerado mixto (vai alén dos aspectos comerciais e, por tanto, require o pronunciamento de todas as cámaras parlamentarias). 
Dados os problemas que ten acarretado a aprobación do CETA, os vinte e oito viñeron a idear un estrataxema para lle dar luz verde de xeito definitivo. Optouse por dar rango legal a un documento que solucionase o punto discordante nas disputas entre investidores e autoridades, podendo ser resolvidas nun novo tribunal público europeo e a previa arbitraxe privada viría a desaparecer. Recorda tamén o dereito dos traballadores á negociación colectiva e dá un novo pulo ás regras de carácter medioambiental. Exclúe finalmente algunhas das actividades máis sensíbeis, enténdase as atinentes á saúde e á educación, ficando eliminadas do concurso privado das empresas. 
Porén, a división política continúa a ser patente, como sucedeu no mes de febreiro, ao ser sometido a votación o tratado CETA no Parlamento Europeo, coa aprobación por 408 votos, 254 en contra e 33 abstencións. Houbo detractores de case todos os estados, sendo belgas e austríacos os que se mostraron máis críticos. Desde socialdemócratas até os verdes e a esquerda minoritaria puxéronse do lado dos opositores, e igualmente os partidos eurófobos. Do lado contrario, foron os membros do Partido Popular Europeo, liberais e a maior parte dos conservadores británicos os que votaron a favor.  
O novo mundo xa está aquí. O da globalización, o do pensamento único. O capitalismo carece, como sistema económico que é, de maiores estrataxemas que os de tentar crecer a base de destruír, caso non haxa quen poida retardar ou reconducir a tal destrución que lle é consubstancial, como todo parece. O quecemento global, xunto coas castátrofes naturais, queimas ou non intencionadas de arboredos, explotacións expansivas de carácter agropecuario opostas á sustentabilidade, sobreexplotación dos mares, minarías depredadoras, industrias tóxicas e altamente contaminantes, etc. crean as condicións para un mundo francamente peor e dificilmente susceptíbel de rexeneración de seguir por esa senda. 
A linguaxe da resignación vai calando aos poucos na sociedade, de maneira que a idea da precarización laboral, a mobilidade (xa interiorizada) do traballador, os salarios baixos, os horarios desnortados, etc. van xerando unha restra de tópicos cuxas vías de solución semellan imposíbeis. Boa razón levaba Karl Marx cando afirmaba que o capitalismo tende a destruír as súas dúas fontes de riqueza: a natureza e o ser humano. Así pois, pode resultar amargamente risíbel afirmar que o CECA inclúe “todas as garantías para o beneficio económico non ir en detrimento da democracia, o medio ambiente ou a saúde e seguranza dos consumidores” ou que “respectará plenamente as normas europeas en ámbitos como a seguranza alimentar e os dereitos do traballador”. Sexa como for, a tiranía das oligarquías mercantís xa está aquí, só falta subverteren os nosos dereitos e facernos crer que son indispensábeis para a nosa sobrevivencia.
 

Do TTIP ao CETA

Te puede interesar