Tres boas escollas narrativas de Embora en 2017

setenta e cinco anos, eses serían os que lle restan por facer a Edicións Embora para chegar a ser centenaria, como os que o Racing de Ferrol, o noso Racing, fará para xullo de 2019. Vinte e cinco venturosos anos, porén, que celebraremos debidamente en 2018 con Embora, se ben xulgamos pertinente sinalar neste momento a vizosidade desta empresa editorial, unha vez nos agasalla neste 2017 con tres títulos narrativos que falan moito e ben acerca da boa saúde de que goza o noso sistema literario, así como a propia editora, todo un referente para o noso país. 
Estámonos a referir a estes títulos: A virxe das areas, de Antonio Manuel Fraga; Terra queimada, de Ramón Caride; e Charamuscas, de Suso Lista. Tres obras narrativas de moi diferente xorne, extensión e temática, ben representativas do bon facer narrativo que atesoura o noso país. Así pois, e comezando por Antonio Manuel Fraga, diremos que ten escrito narracións para lectorado infantil e xuvenil, faceta que interrompeu unha vez se aventurou con Querido H.P. Lovecraft, galardoado co Premio Antón Risco de Literatura Fantástica. 
Este é, por tanto, o seu segundo título de narrativa non infanto-xuvenil, unha novela breve con capítulos de moi pequena extensión, os cales rematan nun punto climático ou ben cunha certa intriga. 
Unha muller de cabelos roibos, con aparencia de trastornada, aparece repentinamente nunha pequena vila. Pertence a ese lugar, pero levaba dous anos desaparecida sen que ninguén soubese nada. Paco Louro, un xubilado da banca, ponse a indagar sobre o raro suceso, levantándose a partir de aí toda unha trama complexa que afunde no pasado da vila e toca a varios individuos e familias que permaneceran mudos durante anos. 
A segunda das narracións, Terra queimada, será igualmente unha novela breve. O xorne dela, non obstante, antóllasenos ben diferente. Aquí o protagonismo non recae claramente nun único individuo como na anterior. 
Podemos falar de novela coral. A taberna da Tareixa, nalgún lugar do noso rural e con abundante masa forestal, é o local onde se virán a encontrar varios dos nosos personaxes destacados. Alí, habitualmente, van botar a partida ás cartas, unha sorte de centro social ou de reunión para os do lugar. Vicente e Ramón son leñadores. Elixio, o máis vello da partida, está xubilado e imos sabendo del pouco a pouco e do seu escuro pasado. O Sindo ten un aserradeiro. E deste modo van desfilando algúns outros personaxes máis, entrementres observamos como se produce un incendio no monte, o cal nos desacouga como lectores. Vicente e Ramón, no entanto, van igual ao monte, ao tempo que lles cae auga encima do vehículo, da que o helicóptero antiincendios transporta. 
Un suceso horríbel, a raíz da corta dun piñeiro, centrará o interese principal do relato. Xorden sospeitas, receos, até se chegar a descubrir unha durísima verdade, oculta desde había moitos anos. Simultaneamente, discorre unha segunda historia protagonizada polo piloto do helicóptero e unha migrante indocumentada. 
E aínda haberá outra terceira historia, sucedida case século e medio atrás, a cal ten que ver co avó do Elixio da Chavella. O incendio, finalmente, arrásao todo nunha sorte de apocalipse, como se se tratase dunha alegoría da morte do rural. 
A terceira das narracións xa non responde ao xénero novela. Charamuscas componse de vinte e un relatos de desigual extensión. 
As voces narradoras oscilan entre a primeira e a terceira, as cales presentan un acusado ton lírico, moi a pesar do forte carácter oral, por veces próximo do conto popular. 
O ton antóllasenos descarnado, raiano co naturalismo, de xeito que existe un efectismo destacado pois consegue con bastante frecuencia situacións desacougantes, alén de se tratar dunha prosa dotada dun grande vigor, que tenta facer o retrato de tipos do máis diverso, respondendo así certeiramente a unha visión moi particular da condición humana. 
Un universo ben persoal trazado por individuos tan antolóxicos como o Pepe, quen nunca era capaz de dicir non, e que lle labrou un futuro ben mísero, até velo baixar aos abismos da condición humana. O borrado dos recordos por medio da acción inesperada duns nenos. O home que se fai Axente Infiltrado da Funeraria para así facerlle restar á competencia. A veciña Lola que garda o ben máis prezado, os figos, que serán saqueados no momento do seu velorio. E así até unha vintena. Seres bondadosos, mais tamén con defectos e outras virtudes que van transitando polas páxinas deste autor de Corme que con tanta mestría é capaz de captar a alma humana e de ambientar a súa vila e contorna. 
Pouco falta para entrarmos nese vixésimo quinto aniversario da nosa editora local, Embora. Vinte e cinco anos cheos de vida que foron capaces de ir xerando toda unha sinerxia de arredor de varios produtos culturais, alén do do libro, en que eventos teatrais, operísticos e musicais en xeral, fan tamén parte do seu quefacer. Aínda que é no do libro, neste sector, onde Edicións Embora acha o seu valor e produto esencial. 
Esta é a seiva que nutre a empresa, pois continúa a ser, sen dúbida ningunha, o seu referente. Así pois, o libro editado en lingua galega, polo cal apostou desde case o seu inicio, ocupa un lugar preferente. 
Coleccións de clásicos adaptados para nenos (Miniclásicos), contos infantís (Fardel dos soños) ou narrativa infantil (O Globo), así como a de teatro ou de narrativa son algunhas das que conforman este belo universo en que se edita a nosa literatura e á que me enorgullezo pertencer. Con todo, non podemos obviar que a colección estrela de Embora, “Biblioteca de Ferrolterra”, foi por onde deu comezo todo. 
Van publicados cincuenta e tres números até o momento desta colección, cuxas temáticas abordan costumes e tradicións, historia de Ferrol e personaxes ferrolás, reedición de libros clásicos de autores da cidade, etc., hoxe por hoxe, todo un referente para quen queira ter unha visión completa da nosa realidade local. 
Así que en suma, polo óptimo 2017 e todo o anterior dito, existen razóns abondas para poder felicitar a quen en breve haberá de facer o seu primeiro cuarto de século, e desexar que vexa cumprida a súa centésima primavera.
 

Tres boas escollas narrativas de Embora en 2017

Te puede interesar