Andar coa mosca do TTIP

Desde que o ser humano deu en se converter no tal ser, non fixo máis que andar a se meter en lizas. Que eu pouco acredito, e cada vez menos, niso de que o home sexa bon por natureza. Ben, admítoo, algo de bon si ha de ter, mais só desde o momento en que a educación (dada a condición de civilidade que lle é propia) foi capaz de calar nel. Que o que si lle pertence son as condicións sociais (unha vez adquiridas) para encamiñarse a ese estado supremo de presunta bondade en que o altruísmo, ou entrega desinteresada aos demais, deu en ser un dos bens máis prezados que o caracterizan. Tarefa asaz difícil de atinxir non obstante, entretanto as condicións sociais (pénsese en termos de benestar) non son alcanzadas. A devezada sociedade perfecta en que todos ansiariamos vivir, sen envexar o que nos é alleo, en que as desigualdades sexan derrubadas, etc. fica a unha enorme distancia de onde hoxe estamos. 
Mais retrocedamos case trinta anos atrás, a ese mundo bipolar que acostumamos estudar, e que desmoronou de xeito definitivo. O fráxil equilibrio de forzas entre o socialismo real e o capitalismo parecía ternos colocado nunha relativa e clara posición fronte ao mundo. Mais o mundo aparentemente multipolar en que hoxe vivimos dista moito de situarnos nunha mínima posición de clareza, un mundo multipolar que, na verdade, non existe. A pouco igualitaria sociedade capitalista (acompañada ou non de vías democráticas, perfectas ou imperfectas) preséntasenos como única aspiración posíbel e, infelizmente, sen aparente vía alternativa. 
O neoliberalismo, observado do punto de vista da patronal e do mercado, amparado por agresivas tácticas neocolonialistas, xoga coa baza do medo sobre as nosas conciencias. Medo a perder o traballo por traslado da empresa a outro lugar en que se traballe máis barato. Medo á perda da seguranza social se o nivel de exixencia do traballador for excesivo. Medo a que as caixas de pensións non poidan pagar as súas xubilacións aos pensionistas... 
Xógase, en fin, coa baza do pensamento único. Os medios de comunicación, co seu rosario reiterativo de slogans preventivos e coercitivos, envían mensaxes inequívocas que acaban por ser tomadas por boas. Así, o da mobilidade laboral, mesmo sexa ao estranxeiro, acatado con resignación e até cunha certa normalidade por moita xente. Ou os imperativos legais que a UE, o FMI ou o BCE se teñen arrogado, querendo transmitir a sensación de que pouco se pode facer a nivel político acerca do benestar dos seus cidadáns, pois os datos macroeconómicos impiden calquera outro tipo de situación, abocando por veces ao silente camiño da sobrevivencia. 
A posibilidade de contestación, dígase de paso, fica debilitada desde o momento en que se aplican leis restritivas ao dereito de protesta. Ademais, se a queixa contra determinadas políticas do goberno podían ser replicadas co argumento das obrigas emanadas da UE, nin queiramos saber o que nos agarda estando á espreita o controvertido e descoñecido TTIP. 
Chámaselle Cabalo de Troia, Tratado Vampiro, Constitución das Multinacionais. Denominación, esta última, que garda sentido, arremedo de Carta Magna aprobada polos oligopolios para se faceren co control mundial da política económica, pois deixa así fóra á dos estados, á das nacións-estado que estabelecen as súas constitucións, aprobadas coa aquiescencia dos seus cidadáns ao delegaren o poder nos seus parlamentos, etc. Logo o benestar social, a sociedade do benestar, fica agora na corda frouxa, coa sanidade, a educación, a soberanía dos estados, a soberanía alimentaria, os dereitos sociais e laborais ou o medioambiente podendo ser cuestionados. Chama enormemente a atención a cláusula ISDS, un sistema de arbitraxe das diferenzas investidor-estado, formado por un tribunal de avogados (non xuíces), cuxa finalidade é a de calquera corporación poder querelarse contra un estado, caso esta non poida levar a cabo os seus intereses comerciais, co risco de poder verse obrigado a pagar sumas millonarias se houbese sentenzas desfavorábeis. 
A opacidade das negociacións deste acordo son de notar, cando os parlamentarios europeos teñen un acceso tan restrinxido sobre o proxecto. En defintiva, unha enormísima liberalización de trabas comerciais entre os EEUU e a UE que é un machadazo contra os valores da liberdade e da democracia. Os convenios laborais serán reducidos á mínima expresión (España ten uns 100, 14 os EEUU); os fondos de investimento privado serán beneficiados, en detrimento das pensións públicas; as certificacións de orixe dos produtos desaparecerán; os alimentos transxénicos (prohibidos na UE) circularán e consumiranse con normalidade; as técnicas do fracking; etc. Podemos acharnos nos albores, sen que o saibamos, do esfarelamento do estado social e de benestar, cunha conspiración levada a cabo ás nosas costas. 
Cobra sentido, pois, que teñamos de estar coa mosca detrás da orella, non en van un incerto futuro, unha sorte de última cartada, anda á nosa espreita.
 

Andar coa mosca do TTIP

Te puede interesar