Luz verde á ordenanza para regular o Centro de Interpretación dos Muíños de Xuvia

Luz verde á ordenanza para regular o Centro de Interpretación dos Muíños de Xuvia
O Centro de Interpretación dos muíños industriais de Xuvia nunha foto de arquivo I Jorge Meis

O pleno do mes de marzo do Concello de Narón aprobou de maneira inicial a ordenanza reguladora da prestación patrimonial de carácter público non tributario polo acceso e utilización do Centro de Interpretación dos muíños industriais de Xuvia (Cimix). No documento recóllese tanto a visita ás instalacións durante o horario establecido así como a cesión do uso dos espazos sempre que sexan compatibles coa natureza do mesmo. 

No texto establécense as tarifas de acceso cunha entrada xeral por persoa –e redución no prezo no caso das familias numerosas, maiores de 65 anos, titulares do carné xove e persoas con diversidade funcional ou dependentes, así como no caso das visitas pedagóxicas para grupos escolares–. Os días 23 de novembro, Día de Narón, así como o 18 de maio, Día Internacional dos museos, será de balde.


No caso da cesión para utilización dos espazos do Cimix para outros usos, a tarifa será por hora, habendo tamén exencións para menores de seis anos e por motivos protocolarios.


Esta ordenanza aprobada na sesión plenaria será publicada agora no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e abrirase un prazo de 30 días para presentar suxestións.


A corporación aprobou tamén por unanimidade ampliar a delegación na Deputación da Coruña da competencia da xestión, inspección e recadación voluntaria e executiva do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana ou do imposto municipal que o complemente ou substitúa no futuro.

 

 

Pleno marzo Naron
Un momento da sesión deste mércores I Concello

 

Mocións dos grupos

O grupo municipal do PP presentou unha moción (aprobada) na que solicitaba a ampliación de servizos para persoas xordas no Concello e outra de melloras de seguridade viaria e servizos na zona de Arriba de Freixeiro.


Pola súa banda, o BNG plantexou  unha moción (que tamén saíu adiante) a prol da recollida de propostas por parte da cidadanía para modificar o regulamento de Participación Cidadá para incluír no Plan Normativo de 2025 ese cambio e abrir un período de consulta pública previa de recollida de propostas. Tamén contou coa aprobación outra referida ao Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), para incluír na ordenanza bonificacións do 50% da cota para rehabilitacións integrais de vivenda habitual en solos con servizos de saneamento e do 95% para aquelas ubicadas en solos sen ese servizo.


O PSOE presentou unha moción –que saíu adiante como declaración institucional– na que se insta á Xunta a reparar con urxencia as deficiencias das vivendas dos bloques de protección da rúa Grove, así como outra (tamén aprobada) reclamando a modificación puntual do PXOM do Concello para adaptalo ao proxecto da Deputación para ampliar e mellorar a estrada do Feal.


Este foi o punto máis rifado de toda a sesión, presenciada por veciños e veciñas da zona desde a bancada do salón de plenos, con acusacións entre os diferentes grupos de “tratar de enganar” á cidadanía.
Dende Terra Galega incidiron en que “a Lei de Estradas de Galicia, no artigo 8/2013, establece un mecanismo que permite á Deputación presentar o proxectó á Xunta para que se leve ao Consello e, en tres meses, podería iniciar os traballos”. 

 

Reunión coa Fegamp

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, mantivo recentemente un encontro coa alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o edil de Facenda, Román Romero, para abordar a situación na que se atopa o servizo de madrugadores nos centros de ensino da localidade. 

 

Marian Ferreiro Fegamp madrugadores
Un instante do encontro I Cedida


Varela confirmou aos representantes municipais que este asunto xa está incorporado dentro dos traballos da comisión técnica de delimitación de competencias local e autonómica, “que se conseguiu abrir pola presión dos Concellos galegos diante da Xunta de Galicia polo déficit de 600 millóns de euros provocado aos Consistorios por ter que asumir competencias do executivo galego, e que debe retomar con urxencia os seus traballos, ralentizados pola convocatoria de eleccións galegas do pasado 18 de febrero”, explicou a Fegamp.


A rexedora deixou constancia no encontro do gran problema que supón para o Concello que o servizo de madrugadores continúe a depender das asociacións de nais e pais do alumnado, “soportando uns custos que tiñan que ser asumidos pola Xunta, como administración pública competente da materia”. l

Luz verde á ordenanza para regular o Centro de Interpretación dos Muíños de Xuvia

Te puede interesar