Ortigueira Literaria Dixital dedica o ano 2013 a Federico Maciñeira

Ortigueira Literaria Dixital proclamou o 2013 como Ano de Federico Maciñeira e Pardo de Lama. Dedicaranse durante os meses que quedan por diante a dar a coñecer a vida e o traballo deste ortegán que viviu entre 1870 e 1943. Continúan así a iniciativa que comezaron o ano pasado co ano dedicado a Antonio Rivera Losada.

Os actos comezaron o venres, coa presentación da axenda para os vindeiros meses na Fundación Ortegalia. Ademais, o historiador Xosé Carlos Breixo deu unha conferencia a modo de introducción a esta figura baixo o título “Aproximación histórica á vida e obra de Federico Maciñeira”.

Conferencias, rutas turísticas, concursos e exposicións forman parte do programa de actos

Foi a primeira dunha serie de actividades que continuarán en marzo coa inauguración, na biblioteca municipal de Ortigueira, dunha exposición con fondos do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba.

En abril desenvolverase un concurso de marcapáxinas na biblioteca municipal e, ademais, presentarase na aula Cemit un vídeo recompilatorio da biografía de Maciñeira que ten como destinatarios os alumnos do colexio José María Lage.

Os escolares serán tamén protagonistas en maio, xa que a eles se dirixe o concurso de relatos curtos “Descubrindo un arqueólogo: Federico Maciñeira e Pardo de Lama”. Serán tamén os nenos os que fagan unha lectura da correspondencia que mantivo con outros persoeiros da súa época e os que fagan ilustracións cos traballos arqueolóxicos e os descubrimentos deste home. Farase unha exposición con estes debuxos.

No mes de xuño está prevista a inauguración da exposición “Inédito, Federico Maciñeira e Pardo de Lama”. Será na Fundación Ortegalia. Ademais organízase unha mesa redonda na que participarán Xosé Lois Armada, Xosé Carlos Breixo Rodríguez, Anxo Rosende e Fernando Pérez Sampedro (bisneto do homenaxeado). Tamén se quere achegar a figura de quen fora alcalde de Ortigueira e renovador da arqueoloxía á rede de aulas informáticas Cemit, a través dunha videoconferencia.

En xullo abrirá unha exposición na biblioteca municipal Fernández Latorre e agosto terá como protagonista a distintas rutas turísticas. Unha será polo porto de Bares e será guiada polo arqueólogo David Fernández Abella. Outra visitará as mámoas e xacementos das serras da Faladoira e da Coriscada, baixo a orientación dos arqueólogos Patricia Mañana Borrazás e Carlos Otero Vilariño. Ademais está previsto realizar un faladoiro no Centro de Visitantes de Ortigueira, cunha actuación musical.

A axenda de actividades reserva para setembro unha exposición de achados arqueolóxicos na Fundación Ortegalia e unha conferencia a cargo do historiador Felipe Senén: “Dende as pescudas modernistas de Maciñeira á arqueoloxía contemporánea en terras de Ortigueira”.

Tamén Rafael Usero dará unha conferencia, neste caso co título “Federico Maciñeira e San Andrés de Teixido”. Será en outubro, no Teatro de Beneficencia.

Cara a finais de ano, en no-vembro, haberá unha nova mesa redonda, para analizar a época histórica na que viviu o homenaxeado. Participarán Vicente Peña Saavedra, Emilio Grandío, Hixinio Puentes e Vanesa Trevín.

Como peche, en decembro estrearase no Teatro de Beneficencia unha obra de teatro e presentase unha publicación na que se recompilan traballos de Federico Maciñeira.

Ortigueira Literaria Dixital dedica o ano 2013 a Federico Maciñeira

Te puede interesar