A I Asemblea nacionalista (XXIII)

A I Asemblea nacionalista (XXIII)

Finalmente, despois dos problemas derivados do perigoso andazo de gripe, o domingo 17 e o luns 18 de novembro de 1918 puido ter lugar en Lugo a ansiada asemblea do nacionalismo galego.
A totalidade da prensa periódica publicada en Galicia na altura non foi allea –con maiores ou menores extensións e/ou simpatías– a este primeiro gran acto conxunto das Irmandades constituídas en Galicia.
Segundo informaba El Ideal Gallego, no número do martes 19, a asemblea, coa participación de 80 asembleístas de toda Galicia, comezara ás catro da tarde no local do “Lugo Salón”, estando presididos polos señores Losada Diéguez, Peña Novo, Banet Fontenla, Cabanillas, Taibo, López Abente, Villar Ponte, Quintanilla e Noguerol, isto é con predominio de nomes das Irmandades da Coruña e de Ourense. E tres poetas.
O primeiro en intervir foi Losada, que expuxo o obxecto do acto, que consideraba de transcendental importancia. A continuación, Peña Novo, deu conta dos organismos que, por presenza ou por adhesión, tiñan representación na asemblea. En nome da Irmandade coruñesa –da que era máximo dirixente–, presentou un cuestionario que comprendía os acordos que deberían tomarse no caso de que se lle concedese a autonomía a Galicia.
Dito iso, levantouse a sesión para celebrar o anunciado mitin aberto aos interesados en asistir. Segundo o Ideal, unha numerosísima concorrencia encheu por completo o local para presenciar as intervencións, que comezaron ás cinco da tarde. Só polo feito de residir en Lugo, segundo dixo, presidiu este acto o notario Banet Fontenla. Cedeulle o uso da palabra a Risco, quen, despois de saudar o pobo lucense, arrancou dicindo que xa era hora de que o pobo galego espertase e se gobernase a si mesmo. Censurou o antigo réxime, manifestando que os rexionalistas non tiñan odios, para terminar apuntando os tres fins do nacionalismo galego: o espiritual, o político e o económico. Seguiuno no turno de palabras, o irmandiño monfortino Gonzalo Sánchez Taiz, que, após de enaltecer o defunto Porteiro, centrou as súa intervención en sinalar a situación de escravitude na que se atopaban os labregos galegos e incidindo na necesidade de escolas.
Arturo Noguerol, saudou as mulleres galegas, e lembrou que se fixera rexionalista en Castela, vendo o trato que alí se lles daba aos campesiños galegos. Deixou patente, ademais, que a soberanía reside no pobo.
Xaime Quintanilla, comezou aclarando que non se debe consentir que se atropelen as liberdades e que os nacionalistas non pensaban quitarlle nada a ninguén. Galicia pedía a súa liberdade para se rexer, porque xa chegara a ser persoa. Concluíu que non debiamos permitir que gobernasen os caciques.
Peña Novo, o seguinte orador, entre os aplausos da concorrencia, manifestou que o que se necesitaba eran razóns, non discursos. Xa tiñan ideas e programas, xa se celebraban asembleas de cataláns, vascos e galegos e, por iso, era o momento de laborar polo ben de Galicia. O nacionalismo significaba a reconstrución dunha España nova polo que os nacionalisgtas non podías ser chamados separatistas
A continuación, Banet Fontenla fixo un resumo do acto indicando que Galicia tiña personalidade de seu, porque, anota o cronista, “se la dió la Divinidad con su lenguaje, su poesía, su música, sus costumbres” e tamén a tiña pola súa naturaleza e historia. Finalizou dicindo que a autonomía a pedía o pobo que desexaba o benestar do país para ver curadas as feridas do centralismo. Acabado o mitin, os asembleístas seguiron deliberando ata a unha e media da madrugada, actividade que continuarían na mañá do día seguinte.
“Unha Asambreia históreca / Trascendentales acordos d’os nazonalistas galegos” era o titular do diario monárquico lugués La Idea Moderna, así mesmo, no seu número do mércores 20 de novembro.
O tamén xornal lucense El Progreso / Diario político y de información, do día anterior, martes 19, pola contra, presentou a información cun titular ben diferente: “La ‘Irmandade da fala’ en Lugo / Una asamblea y un mitin / Notas marginales”.
Despois de informar do lugar onde tiveran lugar os actos manifestaba que “De la asamblea -que fué secreta- nada podemos decir, porque nada sabemos. Del mitin haremos un pequeño comentario”. E o comentario iniciábao con estas palabras: “La defensa de los intereses regionales, el logro de la autonomía gallega, ese deseado triunfo de Galicia frente a las nacionalidades, y sin desmembrarse de la madre patria, no se habrá de obtener con campañas como esa de la cual es una página el mitin de anteayer”.
Os desacordos descualificadores comezaban polo uso do idioma: “A nuestro juicio se puede hablar en castellano y decir algo más práctico, más enjundioso, más fructífero, de cuanto dijeron en gallego salpicado con castellano y lleno de giros del habla de Castilla, la mayoría de los oradores de la ‘Irmandade da fala’”.
Eis as frases que lle dedicaba a Vicente Risco: “Risco, el cultísimo profesor de la Normal de Orense, el ingenioso abogado, el interesante escritor gallego, pero no en gallego, hubiera podido darnos la idea exacta de sus alcances, y nos diría infinitas y maravillosas oportunidades, si hubiese tenido libertad para hablar en castellano, en vez de pasar por la tortura de decir en gallego, un gallego de limitado vocabulario, pensando en castellano, un castellano de riquísimo léxico”. Nada máis nin nada menos, porque do contido do discurso nada se dicía.
Falaremos das opinións que lles mereceran as outras intervencións.

A I Asemblea nacionalista (XXIII)

Te puede interesar