• Sábado, 18 de Noviembre de 2017

Conclusións e valoracións da IV Asemblea (LXXI)

Conclusións e valoracións da IV Asemblea (LXXI)
Sobre da carta enviada pola ING á Irmandade de Betanzos
Sobre da carta enviada pola ING á Irmandade de Betanzos

A cuarta sesión, iniciada ás catro da tarde do díaAs sesións da IV Asemblea coa aprobación das 13 conclusións e algúns acordos máis dos que falei na entrega anterior finalizaron na tarde do día 20 de febreiro de 1922. Mais a actividade dos nacionalistas en Monforte non finalizou coa Asemblea, xa que, como xa dixen tamén, ás 10 da noite dese día tivo lugar un mitin no Teatro monfortino. Con todo, o remate definitivo da actividade dos nacionalistas neses días sería outro mitin celebrado en Ourense.
La Zarpa do día 21, no solto “Los nacionalistas en Orense / El acto de hoy”, anunciaba que, procedentes de Monforte, chegarían a Ourense varias personalidades do nacionalismo galego, que ían dar conferencias sobre diferentes temas: “Entre otros hablarán al público orensano el abogado D. Luis Peña Novo, el escritor Villar Ponte y nuestro colaborador D. Jaime Quintanilla”.
Mais, a cousa non foi exactamente así, segundo se desprende da información aparecida no propio diario agrario do día seguinte, no solto “El mitin nacionalista de ayer”, na que se di que nos salóns de ‘La Unión’ se celebrara, ás 7 da tarde, o anunciado mitin nacionalista no que tomaron parte D. Vicente Risco, D. Antonio Villar Ponte e D. Jaime Quintanilla. Nada se di do cambio de Peña Novo por Vicente Risco,aínda que, á vista do acontecido na Asemblea, a ausencia do concellei coruñés parece lóxica.
As valoracións que fixo a prensa galega dos acordos e concluisións da Asemblea foron moi escasas. Unha delas foi esta moi breve e concisa que apareceu nas páxinas do xornal de Tui La Integridad / Diario Católico, de 24 de febreiro, no epígrafe “Monforte” da sección “Crónicas regionales / De nuestros corresponsales”:
“El lunes de clausuró la asamblea de los nacionalistas gallegos.
En la organización definitiva del partido nacionalista, se acordó denominar éste con el nombre de ‘Irmandade nacionalista gallega’, a la que pertenecerán como delegaciones todas las entidades nacionalistas de Galicia, España y América.
Aceptada la proposición de una Jefatura unipersonal, fué nombrado por aclamación consejero supremo del partido nacionalista D. Vicente Risco”.
Cando menos era algo. Moito máis ampla, cousa lóxica tendo en conta as boas relacións do momento entre os agrarios de Basilio Álvarez e os nacionalistas, cando menos os do sector próximo a Risco, foi a información valorativa aparecida nas páxinas do numero do día 25 de La Zarpa, no solto “De la Asamblea nacionalista / Capítulo de impresiones”. Ademais de subliñar a importancia de que o Concello de Monforte lles cedese aos nacionalistas o salón capitular para que celebrar as sesións da IV Asemblea, ao que xa me referín en entregas anteriores, valoraba como un acordo de grande transcendencia a unidade na organización do nacionalismo: “Ya se acabaron las Irmandades, las Xuntanzas y las Mocedades. Ahora hay la Irmandade nacionalista gallega, con un jefe único, y las antiguas entidades se truecan en delegaciones con un sólo reglamento fundamental para todas, aunque con autonomía para el régimen interior de cada una de ellas”. E, como non, tamén resaltaba que “Risco fué votado por aclamación, a propuesta de Losada Diéguez” así como que “El Jefe supremo de la Irmandade podrá nombrar tantos consejeros como crea conveniente (cinco se acordó que sean) para que le ayuden en las distintas funciones que su carácter le imponen”.
Destaca, ademais, o acordado sobre a partición política:
“Sobre la política de la Irmandade nacionalista gallega prevaleció el criterio, y así se acordó, en firme; un apartamiento absoluto de los partidos españoles, por entender que éstos, de cualquier color o matiz que sean, resultan todos ellos enemigos de la libertad de Galicia.
Solo en casos concretos y con la anuencia del jefe o de la asamblea, podrán los nacionalistas actuar politicamente, en favor de un grupo determinado para una finalidad del momento.
La política de irmandade nacionalista, su verdadera política, será la creación de la conciencia nacional gallega”.
E, finalmente, recolía os acordos tomados en relación coa propaganda do ideario nacionalista. Tanto o referido a que todas as delegacións editarían mensualmente un Boletín (visado polo xefe da Irmandade( para repartir gratuitamente como o que afectaba ao boletín ideario xa existente:
“La revista A Nosa Terra, órgano de las Irmandades da Fala, será órgano oficial de la Irmandade nacionalista gallega y su jefe designará el director de la publicación, siendo aquél responsable de las orientaciones de la misma”.
Conocemos, ademais, unha valoración privada de quen xa se estaba perfilando como a grande figura da nova poesía galega. Manoel Antonio, que estivera presente en todas as actividades de Monforte e Ourense, en carta sen datar, dáballe conta a seu curmán e amigo Roxerius da súa impresión do acontecido en Monforte:
“Na Asambreia de Monforte acordou-se unha nova orgaización d’o Partido, c’un Xefe ou Conselleiro Supremo, pra cuio cárrego foi eleuto Vicente Risco. D’a nova orgaización, forte, uniforme e disciplinada, eu agardo un adianto y-eficacia poderosísima”.
Mais iso non pasou da impresión, como axiña lle fixo saber -tamén en carta sen data- Antón Villar Ponte: “A jarka d’eiquí, seique non entrará pol-o rego. Non quer mais que política. E o Lois sigue metido na política que da xenio”.
Sen ir máis lonxe, Peña Novo iniciaba o segundo bienio de concelleiro nacionalista coruñés.
Tan pronto como acabaron as actividades asemblearias e propagandísticas, o Conselleiro Supremo e os seus colaboradores próximos puxéronse mans á obra no artellamento do novo sistema organizativo. Axiña se puxeron en contacto con todas as agrupacións operantes no momento ou que estiveran operativas en anos anteriores. Podemos facernos unha idea destas actividades organizativas a documentación da Irmandade da Fala de Betanzos, conservada no ben ordenado arquivo municipal da localidade.
Con data de 3 de marzo, Vicente Risco dirixe unha carta-circular a un suposto “Pirmeiro Conselleiro da ‘Irmandade da Fala’” na que, ademais de dicirlle que lle remite copia das Actas da IV Asemblea, lle comunica que de acordo co aprobado na mesma tiña un prazo de 15 días para enviar a “sua conformidade expresa a todos e cada un dos acordos de dita Asambreia, comunicando o tempo o troque do nome d’esa Sociedade, entendendose que de non telo feito no plazo indicado esa entidade ficara escluida da Irmandade Nazonalista Galega”.
Como había certo tempo que a Irmandade betanceira estaba desfeita na práctica, non houbo contestación no prazo das dúas semanas por parte de ninguén. E como as cousas non debían estar saíndo como os novos dirixentes tiñan previsto e como as afiliacións eran fundamentais para termar da nova organización, Vicente Risco insiste cun novo escrito o 23 dese mesmo mes de marzo, desta volta enviado a “O irman Lois Ares”, na que lle lembra a misiva anterior, que lle dirixira ao irmán Ramos e da que non recibira resposta ningunha, e na que lle prega que “no prazo mais breve que lle sexa posibel” lle responda a catro cuestións: se existe ou non a Irmandade de Betanzos; se, no caso de existir, acepta os acordos íntegros de Monforte; se, de non existir, habería en Betanzos irmáns dispostos a constituír “Delegación da I.N.G.” e se recibiron ou non as copias das actas.
Como quince días despois seguía sen haber resposta, o 3 de abril Alfonso Vázquez Monjardín, “Secretario Xeneral” da ING, dirixíuse a Xoquín de la Peña –que daquela residía en Madrid– instándoo a exercer a súa influencias sobre os irmandiños betanceiros para que enviasen a súa adhesión canto antes: “prégolle unha vez máis, faga pesar a sua influenza na dita Irmandade pra que esta non deixe de cumprir o que coido unha obriga.Teña en conta e fágallo constar a éla esí, qu’estamos demorando a nosa orgaización definitiva que tanto cumpre”.
Acto seguido, o 6 de abril, de la Peña envioulle unha carta ao seu amigo Ares informándoo de toda a historia e instándoo a que enviase a adhesión canto antes por tratarse dunha “cousa de tanta importancia; pois d’ela depende o que apareza federada a Irmandade d’unha das vilas mais grandes de Galicia”.
Desa foi a boa e poucos días máis tarde, como habemos ver, a Irmandade da Fala de Betanzos se adhería á Irmandade Nazonalista Galega, o novo proxecto nacionalista irmandiño.