Comentarios á asemblea nacionalista 2 (XXVI)

Comentarios á asemblea nacionalista 2 (XXVI)

Apasada semana vimos como Alfredo García Ramos, director d’El Ideal Gallego, non vía moi clara a viabilidade dalgúns dos puntos das conclusión recollidas no manifesto da Asemblea de Lugo, como deixaba patente no seu artigo “El nacionalismo gallego / Reparos a la asamblea de Lugo”, aparecido o xoves 21. Do texto fíxose eco o El Correo Gallego, do día seguinte, no artigo sen asinar “La autonomía regional”.  O xornalista do diario ferrolán mostra preocupación polo inminente debate no Congreso da proposición de lei relativa á concesión da autonomía. Manifesta que, aínda que ese asunto lles interesaba como españois –“palabra que ya va cayendo en desuso por lo que vamos viendo”, di con evidente esaxeración”–, o que lles tocaba máis de cerca era a Asamblea regionalista de Lugo, “cuyas conclusiones, o varias de ellas, combate ya una buena parte de la prensa”. Apunta que do que lera sobre o tema o que lle parecera máis discreto e razoable fora o artigo de García Ramos, que, a maiores, tiña a autoridade de ter aparecido nun xornal en cuxo lema figuraba o ditado de rexionalista. A continuación recolle só algúns parágrafos, obrigado pola extensión do traballo. E, como non, comeza co da cooficialidade e continúa co do ingreso na Liga das Nación. O artigo do Correo finaliza declarando que Galicia carece da “preparación de Cataluña para aventuras de esta clase -refírese á autonomía-, polo que se fai preciso, sen agravio de sentimentos nin menosprezo de ningunha tendencia, estudart detidamente a cuestión para evitar caer no ridículo.
Ao día seguinte, sábado 23, El Correo Gallego, en “La autonomía regional / Una carta”, reproducía o seguinte texto remitido por Xaime Quintanilla, datado “No Ferrol a 22 de Sanmartiño do 1918”:
Sr. D. Eladio Fernández Diéguez, Director de EL CORREO GALLEGO.
Meu queridísimo amigo: Como asistente â Asambleia de Lugo, firmante do manifestos das Irmandades e membro do Directorio Nazonalista Galego, intrésame facere constar, en resposta a unha liñas do apreciable gassetista Sr. García Ramos, publicadas onte n’iste xornal, que nosco non solicitamos o ingreso de Galicia na futura e probable Liga das Nazóns.
A conclusión d’Asambleia –posta dimpois do referente â Federación Ibérica– di así: ‘Ingreso das nazonalidades ibéricas na Liga de Nazóns’, o que quer decire de todas elas conxuntamente, de Hespaña e de Portugal, non de Galicia, que non pretende outras relaciós diplomáticas qu’as do seu arte, o seu valimento e o seu esprito traballadore.
Non queda, pois, nada das elucubraciós do Sr. García, fundadas n’unha cousa inexistente e qu’a ninguén se ll’ocurriu. Pol-o visto fai falla enturbiare o qu’está claro, pra maior gloria da política personalista, baldón de Hespaña, a nosa indiscutible e única patria.
Moitas gracias, meu bon amigo, e unha forte aperta de seu ademiradore,
Chama a atención que o dirixente irmandiño radicado en Ferrol non aproveitase ese seu belixerante escrito para responder con rotundidade ao manifestado por García Ramos sobre o bilingüísmo, que vimos a pasada semana. Entre tanto, o director do Ideal continuou coas súas entregas. Así, o venres 22, vía a luz a segunda entrega, “Nacionalismo gallego / Reparos a la asamblea de Lugo / II”, onde centra os comentarios na forma de goberno. Ao amigo e editor de Pérez Lugín, chámalle a atención que os irmandiños non mostren preferencia por ningunha forma de goberno e só manifesten simpatizar coa que facilitase a federación con Portugal. Por iso, pregúntase se esa indefinición non tería como finalidade nutrir as filas do nacionalismo con xentes de todos os partidos. Entende que os nacionalistas esquecen un dos puntais máis firmes nos que se basean o nacionalismo ou o rexionalismo, a tradición, o pasado, que demostran que a Monarquía é consubstancial coa historia de Galicia e de toda España. E, moi demagoxicamente, recorda a Brañas: “mi maestro tan querido, escribió que los regionalistas no ‘pretenden sustituir la robusta Monarquía, cuya unidad se rubricó a la sombra de la Cruz ante los muros de Granada, con una democracia cantonalista o federativa”. A el, xa que logo, esa neutralidade parécelle máis ficticia que real, se ben non quere acusar ninguén de falta de sinceridade
A demanda de lexislar sobre o problema agrario semelláballe que contradicía o clausulado pola Asemblea de parlamentarios. García Ramos, entendía tamén que o teléfono, o correo e o telégrafo, eran algo que estaba por encima de todas as autonomías, cando menos a vixilancia e a regulamentación. 
Declaraba que, “con todo respeto, y sin mengua de la suficiencia individual de los firmantes del manifiesto”, se atrevía a crer que estas cousas eran consecuencia de que non profundaran os problemas. Tal, que lle deixasen ao Poder central a nacionalización e lexislación dos ferrocarrís e se reservasen a construción e a administración. Concluía esta segunda parte manifestando que o exposto e acordado polas Irmandades era un índice de fins, que si quería ser algo máis que “flatus vocis”, tiña que amosar tamén os medios para poñer as cousas en práctica, pois sen estes non serían nada. Tamén, manifestaba a súa consideración de que no caso de que se lle outorgase axiña a autonomía a Galicia sería un fracaso e un ridículo.
Dous días máis tarde, o domingo 24, aparecía “Nacionalismo gallego / Reparos a la asamblea de Lugo / III”, no que se ocupaba da cuestión relixiosa. Preguntaba por que os nacionalistas non manifestaban cal ía ser a orientación relixiosa do Goberno autónomo? Tamén facía referencia ás cuestións xurídicas, apuntando unha serie de matizacións e, mesmo, considerando que o que se dicía sobre a igualdade da muller casada non lle parecía suficientemente amplo e radical.
Anunciaba que outro día falaría dos problemas económicos, mais na seguinte entrega - que sería a última- “Nacionalismo gallego / Cambiemos de ruta / IV”, aparecida no xornal do mércores 27,  non vai falar diso, senón do tema do nacionalismo galego no seu conxunto. Comezaba facendo declaracións de principio como “Somos amantes y defensores -no nos consideramos apóstoles, ni siquiera paladines- de la descentralización administrativa de Galicia...” ou “Somos regionalistas, somos descentralizadores”, para acto seguido comezar os ataques. Comezaba subliñando que asistira á xunta xeral da Irmandade -celebrada con escasa concorrencia, que “daba medida de los entusiasmos ficticios”- e que saíra  coa alma dorida despois de escoitar as explicacións que se deran sobre as razóns dalgunhas conclusións da Asemblea de Lugo. Por exemplo, a da ambigüidade do artigo referente á forma do goberno. Dixérase que, aínda que a maioría dos asistentes se mostraran republicanos, pensaran máis práctico deixar a dúbida no ar. Dicía que tamén quedara sorprendido de que se dixese, en serio, que o dilema dereitas e esquerdas era unha “paparrucha”, porque o vocábulo carecía de sentido ideolóxico. García Ramos entendía que “Ni el pleito de derechas y de izquierdas, ni, por consiguiente, la confesionalidad o aconfesionalidad, son cosas secundarias, como asentaron los nacionalistas, sino de mucha principalidad”.
Finalizaba manifestando que “Federar desuniendo, como intentan los nacionalistas, es ir contra el sentido gramatical y contra el sentido político.
El alma gallega siente el regionalismo católico: el alma gallega repudia y repugna el nacionalismo neutro”. O ton descualificador e a dureza manifestada en partes destas opinións non podía quedar sen resposta. Esta aparecería nas páxinas d’A Nosa Terra, de 5 de decembro, no artigo “Falemos cristaiñamente / Non temos problema de confesionalismo”, do que se falará.
 

Comentarios á asemblea nacionalista 2 (XXVI)

Te puede interesar