Comentarios á asemblea nacionalista (XXV)

Comentarios á asemblea nacionalista (XXV)
El Ideal Gallego, co artigo do director, á esquerda

Na primeira entrega d’A Nosa Terra após a Asemblea de Lugo -números 73-74, de 5 de decembro-, aparece reproducido o manifesto, o que xa fixeran boa parte dos diarios galegos en días anteriores. Tamén Vicente Risco, en “Prosas galeguistas / IV / Sensaciós da Asambleia”, facía a súa valoración do que alí vivira. O profesor ourensán destacaba que vira “Sensación d’irmandade, de cordialidade suprema”; “Sensación de preparazón, d’estudo, de respeito âs opiniós dos outros”. E tamén algo moi importante “tivemos unha cousa que nunca houbo en España: o don d’escoitar...”. Destacaba tamén don Vicente que “O Dr. Quintanilla propuxo y-a Asambleia acetou por unanimidade, declarar a Soberanía estética da Nazón Galega que realizarase sobr’as costruciós privadas, a expropiación de monumentos e paisaxes y-o inseño artístico”.
Os asemblearios irmandiños, como vimos, acordaran difundir o manifesto coas conclusións da I Asemblea para “conocimento e meditazón do pobo galego nestora solemne do albeo das nazonalidades que sinten tremelar a súa y-alma e fan xurdir a súa personalidade”. A prensa contribuíu a esa difusión e algún xornal, ademais de informar do que acontecera nas xornadas luguesas, nomeadamente no mitin, o que xa quedou apuntado, incluíu nas súas páxinas unha valoración máis ou menos pormenorizada.
Tal é o caso d’El Ideal Gallego, que publicou catro artigos saídos da pluma do seu director Alfredo García Ramos, que considero de interese reparar con certo detemento neles, xa que entendo que, en liñas xerais, poden ser boa mostra do sentir de moita xente en relación co nacionalismo. Licenciado en Dereito pola Universidade compostelana, García Ramos fora fiscal en Santiago e en 1903 pasara a ser xuíz municipal na Coruña. En 1917, cando se fundou o diario, denominado católico, rexionalista e independente, encargouse da súa dirección. Chegaría a ser Vicepresidente do Tribunal Supremo e deputado agrario por Pontevedra nas eleccións de 1933. Morrería ao ano seguinte.
García Ramos, que tiña unha boa formación xurídica, como demostran as súas publicacións dese tema referidas a Galicia, nese mesmo ano 1918, en que tivo lugar a Asemblea, publicara El regionalismo gallego en su aspecto confesional, monárquico y unitario, texto da conferencia que pronunciara o 20 de xaneiro, no local da Reunión de Artesanos, dentro dun ciclo organizado polo Instituto de Estudios Gallegos.
No número do xoves 21 de novembro vía a luz o primeiro dos citados catro artigos: “El nacionalismo gallego / Reparos a la asamblea de Lugo”, que comeza:
“Tengo ante mí las conclusiones que la asamblea de ‘Irmandades da Fala’ acordó el domingo pasado en Lugo.
Su lectura me invita al comentario, pero me interesa dejar sentado que cuanto voy a escribir nada tiene que ver con la autonomía en su aspecto filosófico y en el práctico, sino única y exclusivamente con cuanto han acordado los representantes de las ‘Irmandades’ para el desenvolvimiento de aquélla”.
Acto seguido, o director do diario, pasaba a falar dos aspectos constituíntes do manifesto, sinalando que, ao seu xuízo, en Galicia non se cumprían as condicións fixadas na Asemblea de parlamentarios, proposicións introducidas polos cataláns, para o recoñecemento da “rexión” como organismo natural,a saber: “la voluntad de constituirse se manifestase en forma adecuada” e que “las circunstancias de su formación, ofrezcan las garantías de un provechoso funcionamiento”. Para cumprir co primeiro, dicía o director, os cataláns xa recolleran as solicitudes de todos os concellos de Cataluña, sen ningunha excepción, mentres que os nacionalistas galegos só se amparaban nos acordos dos concellos da Coruña e de Ferrol acompañados dos das “numerosas sociedades agrarias”, representantes de “Irmandades” e “elementos intelectuales” reunidos en Lugo. Non mita cousa ao seu entender. Para cumprir co segundo, en primeiro lugar, era preciso limpar o país da praga do caciquismo, fenómeno que xa non existía en Cataluña e no País Vasco. A mellor proba de que en Galicia o caciquismo estaba ben presente foran os “denuestos e imprecaciones que acertadamente le dirigieron en el mitin lucense los oradores”. Así mesmo, dubidaba de que Galicia contase con homes preparados para a gobernación autonómica. Pensaba que había que comezar o edificio polos cimentos e para iso o primeiro paso era o de facer pobo, garantías, ambas, que tamén habería que ofrecer ao Estado.
O seguinte aspecto do que trataba neste artigo era o da cooficialidade. Na súa opinión, para que a cooficialidade fose posible era preciso que todos os habitantes de Galicia coñecesen o galego, lingua que “desgraciadamente”, dicía, había moito tempo que quedara reducida á categoría de “sermo vulgaris”. Segundo el, os campesiños galegos deletreaban o castelán, mais descoñecían a sintaxe e a ortografía do galego. E preguntábase se á vista diso sería posible publicar as leis en idioma galego? E engadía: “¿A la brutal, acaso necesaria, presunción de que la ignorancia de las leyes no excusa de su cumplimiento, se quiere añadir la tiranía neroniana de ponerlas en idioma inteligible [sic] para el vulgo? Só ve problemas.
Como tamén os ve para o hipotético caso de que Galicia fose admitida na Liga das Nacións. Pregunta “¿qué hombres, preparados para los grandes problemas económicos y jurídicos, hay en Galicia para asistir dignamente a tal Liga, si llega a constituirse? ¿Ulos?”. Para maior desacordo, lembraba que había poucos días que Cambó repetira na Lliga que os cataláns ían tras dunha autonomía como a que quedara fixada na Asemblea de Parlamentarios e alí, di Alfredo García Ramos, as relacións internacionais se reservaban para o Estado.
Como se ve, o director d’El Ideal Gallego –un dos “xornás” que, como xa se dixo, consideraban dos “afíns a nosa causa”–, que se declaraba rexionalista e partidario da descentralización, non coincidía maiormente con estas demandas dos nacionalistas.

Comentarios á asemblea nacionalista (XXV)

Te puede interesar