Rei ou escravo

Nas circunstancias nas que se desenrola hoxe a política, a min non me gustaría ser rei, pois a Monarquía estase a converter no branco das iras de todos os ineptos e incapaces. Seica ser o rei, era unha bicoca antes, mais agora, paréceme que o rei dun país é o menos feliz de todos os súbditos. Por non ter, non ten nin a liberdade de desprazarse a onde queira e cando o desexe; e aínda, para colmo, non pode votar a o que lle pareza o mellor candidato para gobernar o seu país. Se eu estivese no pelexo do noso Rei, trataría de asegurar o futuro das miñas fillas cunha boa preparación para desenvolverse na vida, e dimitiría da escravitude que supón estar sempre baixo a lupa de calquera “rufián” que pretenda salientar por medio de insultos e desplantes a calquera tipo de autoridade. E como nin goberna nin manda nada, resulta que é un verdadeiro escravo. Cun bo soldo, por suposto, mais non sei eu se iso compensa o que supón toda unha vida sen poder saír nin un milímetro do guión establecido. Non hai máis que ver o exemplo do emérito. Puxérono aos pés dos cabalos por ter unha “amiga”, nun país no que, ata non hai moito, aquel que non tiña unha querida, non era nada ou ninguén; tiráronlle das orellas, por ter ido a unha cacería, como fixeron e fan moitos outros; acúsano de enriquecerse de xeito ilegal, aquí, neste país, que é onde case hai máis estafadores e oportunistas enriquecidos que cidadáns responsables. Eu non son monárquico e non defendo a quen salta por enriba das leis, pero no caso de Xoán Carlos I, coido que só o pobo é o que ten dereito a xulgalo, poñendo en cada lado da balanza a parte boa e a que lle queiran poñer os hipócritas “fariseos” que ben quererían para eles, unha “Corina” e unha boa conta na Suiza. E xa vale, que todos nos coñecemos e sabemos por onde van os tiros. Ou non é?

Rei ou escravo

Te puede interesar