De trens e de tempos

Os trens sempre provocaron en min un estadio de fascinación ilusionante que aínda perdura no meu interior. Dende aqueles efectistas trens da infancia, tan rudimentarios en relación coa perfección dos xoguetes actuais, sinto unha emoción especial que ten moito que ver coa fantasía e coa maxia de viaxar. 


Unha sensación que foi incrementándose co paso do tempo ao converterse, algúns deles, en escenarios de grandes novelas de misterio que aniñaron no mundo das miñas querencias literarias. Os trens soan a Nadal, a vacacións, a expectativa, a familia e a aventura. E facelos circular, sen descarrilar, por aquelas vías sinxelas, aportaba sensación de cuasi realidade. Ademais sempre anunciaron cambios e apostas de modernización e industrialización. Pronto viviremos outra xornada desas denominadas históricas. 


Finalmente o AVE arribará a Galicia e, a pesar de todos os retrasos acumulados, dará paso a un novo tempo que suporá novas oportunidades. Como sempre, os populares apelarán á afectación da urxencia e a trivialización do importante, para tentar que calquera logro perda efecto, tan só con tocar a terra das realidades xa cumpridas e anunciadas polos medios de comunicación. Hai imaxes que arrastran moito ruído de intereses políticos empeñados en minimizar os logros do Goberno de Sánchez. Hai trens que chegan, pero tamén hai trens que pasan e que deixan na alma esa mornura indefinida e pegañenta, de descoñecer que houbera sucedido de estar nesa estación, naquela hora indicada. Coordinar magnitudes é complexo e facelas coincidir no mesmo espazo-tempo, implica manexar con habilidade prioridades e imponderables, tan susceptibles de modificar substancialmente a realidade nun suspiro. Priorizar é unha acción que ten moito que ver coa conveniencia, pero tamén coa variable emocional da convivencia. Os trens da infancia sempre tiveron horarios amplos e destinos infinitos.


Habito na luz que vai contigo –dixo El– na discreción silenciosa que acompaña á emocionada eternidade de sentirte...

De trens e de tempos

Te puede interesar