O laboratorio de microbioloxía do CHUF xestiona 200.000 mostras ao ano

O laboratorio de microbioloxía do CHUF xestiona 200.000 mostras ao ano
O servizo dedícase ao seguimento e tratamento de mostras para o diagnóstico de enfermidades infecciosas, a través do cultivo de bacterias | jorge meis

O laboratorio de microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol ocupa desde comezos de outubro un espazo no Hospital Naval que case duplica o das instalacións anteriores, pasando de 360 a 604 metros cadrados. É unha ubicación temporal á espera de regresar ao Arquitecto Marcide cando rematen as obras do Plan Director, pero facilita o traballo dun equipo de 32 persoas que, ao seu labor habitual, súmalle desde hai preto de dous anos as análises das mostras en busca de coronavirus. Neste tempo, na área sanitaria ferrolá lévanse feito unhas 198.000 PCR. O laboratorio, dirixido por Andrés Agulla, tivo que empezar a funcionar as 24 horas do día os sete días da semana.


Agulla subliña o seu agradecemento “á implicación dos profesionais do equipo, no día a día, no traslado e na adaptación tras meses de traballo dun servizo moi implicado na actual pandemia”.


Microbioloxía dedícase fundamentalmente ao seguimento e tratamento de mostras para o diagnóstico de enfermidades infecciosas, a través do cultivo de bacterias, entre outros, de ouriños, feces, sangue ou feridas. Ocúpase tamén do control das resistencias aos antibióticos; dos estudos virolóxicos como probas relativas á infección por VIH, a hepatite, o papiloma virus ou a nova gripe; ten un espazo específico para análise da tuberculose; e encárgase, en colaboración con outros servizos, do control da infección nosocomial –a producida dentro do propio hospital– mantendo a seguridade ambiental de quirófanos e UCI e realizando a supervisión da esterilización dos diversos materiais clínicos.


Referente en pneumonía

O laboratorio é ademais referente en Galicia desde o 2011 para o control do comportamento da pneumonía e seguimento da vacina, isto é, o coñecemento da enfermidade pneumocócica, a súa distribución por serotipos e a evolución dos mesmos na Comunidade. Os serotipos son os subgrupos de microorganismos nos que se clasifica o pneumococo en base a súa estrutura.


Nesta área traballan facultativos, técnicos de laboratorio, profesionais de enfermaría e auxiliares administrativas; e comparte co laboratorio central algún dos profesionais, como os celadores.


Docencia e selo de calidade

Xestiona anualmente ao redor de 200.000 estudos. Destes, uns 90.000 proceden do propio centro hospitalario (consultas externas e pacientes ingresados) e os restantes son mostras tomadas nos centros de saúde da área, que se trasladan seguindo un circuíto protocolizado.


Este ano que remata, o servizo de microbioloxía do CHUF acadou a acreditación para a docencia, o que implica que a partir do ano que vén poderá contar con residentes. Para conseguir esta acreditación para a docencia é preciso cumprir requisitos que lle imprimen maior calidade.


Neste eido de mellora continua inclúese precisamente a certificación de calidade que manteñen desde 2012. “Traballar cun sistema de xestión de calidade supón que os servizos traballan recollendo toda a información relativa a esas tarefas e realizan unha análise continua das mesmas. Implica que teñan ferramentas de control sistemático, analizando e planificando moito máis as actividades”, explican desde a área sanitaria.


As entidades certificadoras emiten o seu selo se os servizos ou departamentos cumpren tódolos requisitos, e tras tres anos, con visitas de mantemento, avalían novamente. O certificado segue en pé, agora adaptándose ao cambio de emprazamento da actividade, reorganizando os procesos, engadindo ampliación de horarios e profesionais e actualizando a documentación.

O laboratorio de microbioloxía do CHUF xestiona 200.000 mostras ao ano

Te puede interesar