Resulta evidente a confrontación mundial entre potencias, especialmente entre o gran bloque formado por EEUU, que ten a voz de mando, e máis a UE, Xapón, Australia, Canada, Taiwán, Corea do Sur... e pola outra banda China e Rusia, e no medio facendo alianza cuns e con outros Turquía, India... e por último, unha morea de países que necesitan rematar coa dependencia e construír un mundo respectuoso coas culturas, identidades, linguas... ou sexa, que valoran no seu xusto termo unha das maiores riquezas da humanidade: a diversidade. A súa máis que unha postura ideolóxica é sobre todo a resposta á opresión e á sobre-explotación á que son sometidos polas potencias e corporacións, é dicir pola globalización neoliberal, unha remuda do imperialismo, que agudizou non só as contradicións territoriais, senón tamén entre as clases sociais.Estas contradicións non sempre tiveron a mesma forza, por exemplo, como consecuencia da Segunda Guerra Mundial as vellas potencias saíron debilitadas, o ascenso do socialismo, malia seus erros, axudou no fortalecemento do movemento obreiro e nas loitas de liberación nacional. A caída da URSS, das democracias populares, debilitou estes procesos emancipadores. Mais a globalización neoliberal, presentada como un salto na humanidade, dado que viña asociada a grandes avances tecnolóxicos e na comunicación, agudizou a desigualdade social e entre nacións, e rachou o equilibrio entre o ser humano e a natureza. Falta de recursos, estrema mobilidade, concentración dunha economía ao servizo de minorías, etc. Mais, como consecuencia da cobiza, na procura de optimizar os lucros do capital, este proceso ficou asociado á unha perda progresiva do control absoluto por parte dos Estados Unidos e seus aliados. Polo que, para reverter a tendencia, están a utilizar o aparello militar, as sancións económicas, a guerra nos medios,... contra China e Rusia e as potencias rexionais, e tamén en relación a países da segunda liña que queren desenvolver políticas soberanas para evitar que súa povoación caia na miseria. Agora ben, estas accións agresivas comandadas por Washington implican xogar con lume, porque Rusia ten unha gran capacidade nuclear, e China vai camiño de conseguilo. Ou sexa, non hai saída militar. Polo que o mundo necesita de políticas de planificación demográfica e da economía consensuadas, de respecto pola soberanía dos povos, que partan da solidariedade, do respecto pola diversidade e a negociación. Abonda de imperialismo, de trato desigual e dobres varas de medir.