Colonialismo cultural

Houbo e hai países que pola súa situación hexemónica andaron na procura de impor o seu “modus vivendi” a outros menos influentes. A pouco que reparemos nisto, vemos que somos vítimas propiciatorias suxeitas a aceptaren, case sempre de bo agrado, as tendencias que veñen de fora, no noso caso dos EE.UU. E todo isto non xurde por casualidade, senón que parte dunha estratexia moi ben planificada baseada nun traballo de sometemento a longo prazo, de iren minando a resistencia.


Nun momento da nosa historia máis recente, cando a Unión Soviética e os EE.UU. loitaban pola supremacía mundial, ambos tiñan os seus países satélites que postos sobre o tapete formaban un equilibrio naquela chamada “ guerra fría” que, para seguire sendo fría, malia as cabezas nucleares nos seus respectivos arsenais, era necesario impor usos e costumes pola vía pacífica. Ponse en marcha pois ese colonialismo cultural no que unha parte intenta imporse sobre a outra. E aí entramos nós a formar parte dos países colonizados nesa conxuntura.


A industria cinematográfica tivo moito que ver nisto: os protagonistas daquelas películas representaban un modelo a seguir nas mensaxes que translucían, algunhas subliminares e outras con máis descaro, e pouco a pouco foise instalando nas nosas vidas o “american way of life”. O estilo de vida americano chegou a ser un modelo a adoptar, e así seguimos.


No século pasado os servizos de intelixencia dos EE.UU. encheron as embaixadas e museos de arte abstracta nun intento de compensaren a aceptación que por entón tiña o superrealismo soviético, dicindo que aquilo era o moderno e unha tendencia que remataría por imporse, como así foi. Coa música pasou algo parecido, o mesmo que coa incursión de festas populares que chegaron a afogaren ás nosas tradicionais. Pero se hai unha mostra indeleble de colonialismo cultural esta fica no idioma, palabras inglesas que xa son aceptadas como nosas. A linguaxe das novas tecnoloxías basease no inglés e xa nos expresamos nese campo como se fósemos expertos no idioma de Shakespeare.


Dádeos tamén un paseo por calquera rúa comercial da cidade e veredes como o inglés prevalece no nomenclator dos comercios. Nestas datas hai máis “Merry Christmas” que “Feliz Navidad” ou “Bo Nadal”, máis “Outlet” que “ produto barato”, máis “Black Friday” que “Rebaixas de Nadal”. En fin: o bo descolonizador que nos descolonialice, bo descolonizador será. E vostedes que o vexan. Si.

Colonialismo cultural

Te puede interesar