A escola rural da Capela estrea museo

A escola rural da Capela estrea museo
O novo espazo foi presentado onte a través dunha teatralización no marco das XVI Xornadas Museísticas | jorge meis

A Capela viviu onte un intenso día arredor da celebración das XVI Xornadas Museísticas impulsadas polo Museo Etnográfico do municipio e celebradas na Casa da Cultura das Neves. Alí precisamente foi inaugurado, no marco do encontro, o novo espazo dedicado á “Escola”, un museo sobre a escola rural situado ata o de agora na unitaria de Guitriz e que muda así a unha nova sede máis ampla.


Dispón así de tres zonas distribuídas en dúas plantas: nunha delas ofrécese unha recreación do que sería unha escola dos anos 40 e 50; outra reproduce a que sería a casa-habitación da mestra; e nun terceiro espazo permanece unha exposición que percorre a historia da educación na Capela desde finais do século XIX.


Pupitres e outro mobiliario, libros, cadernos, mapas e moitos outros elementos forman parte dun recurso que forma parte do Museo Etnográfico da Capela xunto á Casa do Pazo (sede central do mesmo e que reproduce a típica casa de labranza) e do Parque Etnográfico do Sesín (un ecomuseo que amosa o aproveitamento racional que durante séculos fixo o home dos recursos ofrecidos polo medio). A maior parte do material da “Escola” procede das unitarias existentes na Capela ata a creación, no ano 1979, do colexio Mosteiro de Caaveiro. O novo espazo museístico situado na Casa da Cultura estará aberto ás visitas os domingos e festivos de 11.30 a 13.30 horas e de 16.00 a 18.00 horas. Tamén haberá posibilidade de concertar visitas para grupos.


Xornadas

A inauguración desenvolveuse a través dunha orixinal teatralización –con dous pases– enmarcada no programa das XVI Xornadas Museísticas, que incluíron outras actividades. Ademais dos relatorios nos que se presentaron os traballos premiados no XIV Premio de Investigación Ferro Caaveiro – “Alimentos no Eume na Idade Media”; de Juan Coira; “Cruces na Capela”, de Secundino García; e “Os barbeiros eumeses e as súas barberías tradicionais. Uxío Cuíña: un barbeiro singular”, de Manuel Bouza–, procedeuse á presentación do número 15 da revista “O Retorno” así como do libro “O pau de ferro”, de Xosé Manuel Felpeto Carballeira, e do álbum fotográfico “A capela no recordo”. Ofreceuse tamén unha visita guiada pola exposición “Abrindo escolas”.

A escola rural da Capela estrea museo

Te puede interesar