A Cátedra Epifanio Campo da UDC e Rodonita entrega o premio de Investigación

Imaxe relativa á firma do acordo entre a UDC e Rodonita a finais de 2019
|

Constituída en 2020 da man da Universidade da Coruña e o grupo empresarial Rodonita en homenaxe ao seu fundador, pioneiro da economía circular, a Cátedra Epifanio Campo –adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol– celebrará o venres a entrega do Primeiro Premio de Investigación. Será ás 18.30 horas no Hotel Finisterre da Coruña, baixo a presidencia do máximo representante da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o reitor da UDC, Julio Abalde; e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato.


Estarán presentes tamén o conselleiro delegado do grupo Rodonita, Jacobo Campo e a directora da Cátedra, Mari Paz Mateo, así como moitos outros representantes dos ámbitos académico, institucional, empresarial e social, como os alcaldes de As Somozas e A Laracha, concellos nos que desenvolven gran parte da súa actividade as empresas que integran o grupo Rodonita, dedicadas fundamentalmente ao sector medioambiental e á economía circular. Esta temática foi, precisamente, a que centrou a convocatoria da primeira edición do Premio de Investigación da Cátedra, unha das súas iniciativas máis ambiciosas.


O primeiro premio, dotado con 6.000 euros, foi concedido ao traballo titulado “Tecnoloxía sostible de redución de contaminantes emerxentes para a economía circular da auga”. Foi desenvolvido polo equipo de investigación Reactividade Química e Fotorreactividade, adscrito ao CICA da Coruña e formado por Moisés Canle, Juan Arturo Santaballa, María Isabel Fernández, Daniel Rodríguez e Zenydia Marín. O traballo plantexa metodoloxías que permitan reutilizar as augas naturais para usos como rego, limpeza de rías ou circuitos de refrixeración.


O segundo premio, dotado con 4.000 euros, recaeu no traballo titulado “Compostos condutores para impresión 3D baseados en lignina e plásticos de baixo impacto medioambiental, desenvolvido neste caso polo equipo xurdido da colaboración entre os grupos de investigación de Polímeros, adscrito ao Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT) do Campus Industrial de Ferrol, e o de Enxeñaría Química Ambiental (CICA).


Asinan o traballo María José Abad López, Ana Isabel Ares Pernas, María Victoria González, Pablo Ligero Martínez, Goretti Arias e Silvia Lage.


Esta primeira edición contou coa participación de 45 investigadores pertencentes a 16 grupos de investigación dos campus da Coruña e de Ferrol, cumpríndose así, con gran éxito, as expecativas deste galardón, “creado para impulsar a investigación non relacionada coa xestión e valorización dos residuos xerados pola actividade industrial, como parte dunha economía circular que apoie a protección do medio”, salientan desde a Cátedra.

A Cátedra Epifanio Campo da UDC e Rodonita entrega o premio de Investigación