A xira da produción do Centro Dramático Galego “O charco de Ulises” chega a Cariño

A xira da produción do Centro Dramático Galego “O charco de Ulises” chega a Cariño
Imaxe da obra que mañá pola tarde será representada en Cariño

A actriz ferrolá Marián Bañobre e o autor Santiago Cortegoso dirixen “O charco de Ulises”, unha produción do Centro Dramático Galego estreada o pasado xaneiro e inmersa nunha xira por unha vintena de escenarios de Galicia e do norte de Portugal e que tamén viaxará a Uruguai e Arxentina.


Mañá mércores recala en Cariño, onde a partir das 20.00 horas, no Auditorio Municipal, o público poderá gozar dunha peza que fala da emigración a través desta versión libre da “Odisea” de Homero. A obra “achega á escena un clásico da literatura universal actualizado e contextualizado na nosa terra. Este é un Ulises galego e cada porto, cada recanto da nosa terra, unha Ítaca á que regresar”, salientan desde a produción.


Coa función en Cariño –a entrada é gratuíta pero é necesario retirar previamente o convite no local social–, a xira inicia a última semana de actuacións en novembro, na que tamén visitará Rianxo, Vilagarcía de Arousa e A Coruña. Xa en decembro, e tralo seu paso por Uruguai e Arxentina, voltará á comarca de Ferrolterra, concretamente ao Pazo da Cultura de Narón (o 11 de decembro).


A trama do texto, escrito por Santiago Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paraleo á “Odisea”, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético.


Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando así un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.


A representación da obra supón o regreso do Centro Dramático Galego a Cariño logo de varios anos de ausencia.

A xira da produción do Centro Dramático Galego “O charco de Ulises” chega a Cariño

Te puede interesar