Unha alumna do grao en Xestión da Moda figura entre os 48 seleccionados para o Sustainable Challenge

Unha alumna do grao en Xestión da Moda figura entre os 48 seleccionados para o Sustainable Challenge
A estudante no campus de Ferrol, Leady Marcela, que concorre ao certame internacional sobre sustentabilidade | cedida

Unha alumna de terceiro curso do grao en Xestión Industrial da Moda, Leady Marcela Calle Cristancho, forma parte dende os derradeiros días dese grupo de 48 estudantes españois, británicos, portugueses e italianos seleccionados pola Asociación Fomento das Artes e do Deseño (FAD), o festival Design Manchester, o British Council, a Polimi de Milán e a Nova Universidade de Lisboa para participar no “Programa Sustainable Challenge´21”.

Baixo o lema “Simbiose industrial, un impulso á moda circular”, estes estudantes, asesorados por expertos relacionados coa industria da moda, están a traballar no deseño de produtos ou servizos que pechen este círculo. Isto significa, “deseñar para a durabilidade, a reutilización, a remanofactura e a reciclaxe para manter eses produtos, compoñentes e materiais en circulación na economía”, apuntan desde a Universidade da Coruña.

Tal e como explica a alumna da Facultade de Humanidades e Documentación, Leady Marcela Calle Cristancho, a idea de negocio que están a desenvolver no seu grupo de traballo “afonda na creación dunha aplicación que lles permita ás empresas do sector rastrear un determinado produto, mellorando así a súa trazabilidade”. Así, a través dun código QR, o tecido empresarial implicado podería saber como, cando e onde se fabricou esa prenda ou accesorio.

Agora mesmo están inmersos na procura de empresas dispostas a participar nunha proba piloto a modo de testeo e non descartan materializar esta idea, a medio-longo prazo, concorrendo a algún programa de financiación europea.

Esta terceira edición do devandito “Sustainable Challenge” está comisariada pola estilista de moda e educadora na Liverpool John Moores University, Elizabeth Cardwell, e máis pola especialista en simbiose industrial e en recursos eficientes como ferramenta de negocio cara á economía circular, Verónica Kuchinow, apuntan desde a entidade académica.

Os proxectos desenvolvidos por estes 48 mozos e mozas de España, Reino Unido, Portugal e Italia poderán visitarse, de balde, no Desseny Hub Barcelona, que se atopa na cidade condal, durante o mes de decembro.

Noutro orde de asuntos, e seguindo cos actos conemorativos do 25 aniversario da biblioteca universitaria Casa Patín, o espazo de lectura acolle estes días unha mostra de fotografías na que se pode observar a evolución que leva sofrido este edificio, que data do século XVIII, ata convertirse na biblioteca do Campus de Ferrol, en Esteiro. 

Unha alumna do grao en Xestión da Moda figura entre os 48 seleccionados para o Sustainable Challenge

Te puede interesar