Se algo tiñan claro desde Luneda Producións cando hai cinco anos idearon o festival Jazz de Ría é que querían un festival pensado para a veciñanza, de proximidade, integrado na contorna, accesible e para todas as idades.
Todos estes valores, e outros como as boas prácticas profesionais en materia laboral e de igualdade, foron recoñecidos recentemente polo xurado dos Premios Martín Códax da Música coa concesión do Premio Organistrum Extraordinario a este festival que cada verán achega o jazz a diferentes municipios da comarca.
Os concellos de Narón e Neda acolléronnos este ano divinamente e a verdade é que o festival funcionou xenial. Traballar con estes dous concellos é facilísimo
Detrás da axencia promotora do evento atópase unha ferrolá, Aitana Cuétara. “Este é un recoñecemento que vén dos músicos e a min paréceme o mellor que se pode ter”, comenta con satisfacción. As súas raíces ferrolás e o profundo coñecemento da tradición musical da cidade naval tiveron moito que ver na elección desta comarca para a posta en marcha do festival.
“Teño moi claro na miña cabeza o mapa da ría de Ferrol porque é a miña casa. Entón, ao final, ves todas as posibilidades que ten a todos os niveis. Ademais que tamén a comarca de Ferrol é especialmente musical, hai moitísimos músicos, hóuboos sempre, sempre se cantou moi ben e hai moita memoria de todo isto. Ao final, case todo o mundo está ligado á música dalgún xeito e a min pareceume o lugar idóneo para iniciar este festival; e desde o principio funcionou moi ben”, salienta.
As tres primeiras edicións (2017, 2018 e 2019) desenvolvéronse en Ferrol e Mugardos; en 2020 só en Ferrol; e o pasado verán, en Narón e Neda, desmarcándose por primeira vez o concello ferrolán da cita. “Unha das premisas desde o comezo era facelo en diferentes lugares, apostando pola colaboración entre concellos, e que toda a comarca puidese estar presente dalgún xeito para implicar aos veciños e veciñas no festival como algo colectivo”, relata Cuétara.
“En Ferrol, por diferentes circunstancias, non o queren facer así e non querían estar aquí. E non pasa nada. Narón e Neda acolléronnos divinamente e a verdade é que funcionou xenial; traballar con estes dous concellos é facilísimo, e penso que o festival vai pasar moitos anos alí asentado”, engade.
Tal foi a implicación da veciñanza, especialmente en Neda, que mesmo se chegou a elaborar unha peza audiovisual recuperando a memoria do antigo salón de baile que funcionaba na ribeira de San Nicolás, lugar escollido para o concerto programado neste municipio.
Gran coñecedora do estilo musical, a creadora de Luneda sabía que un festival de jazz podería funcionar á perfección. “O jazz é unha etiqueta amplísima, na que cabe todo. Sempre vai haber algo que che vai gustar. É moi fácil enchufarse co jazz e hai moito prexuízo de que parece unha música moi complexa, pero non”, sostén. Augúralle moitos anos de vida ao evento. “Van cinco edicións, e moitas máis que virán. Cada vez hai como máis ganas e expectación por parte do público”, subliña.