Centenario

En tal día como hoxe, 14 de novembro, hai 100 anos finalizaba en Madrid a conferencia de fusión entre o Partido Comunista Español e o Partido Comunista Obrero Español que deu lugar á creación do Partido Comunista de España. Se cadra non está de máis lembrar que o Partido Comunista Español fora fundado, en abril de 1920, por membros da Federación de Xuventudes Socialistas partidarios da adhesión á III Internacional. Entre eles figuraba Dolores Ibárruri (Pasionaria). O Partido Comunista Obrero Español, nacera en abril de 1921 fundado polos militantes do PSOE que perderan a votación de que o partido se adherise á III Internacional.


Daquela a hoxe, na legalidade e na clandestinidade, en paz e en guerra, é innegable que o PCE sempre estivo presente na vida social española, nas loitas en defensa dos intereses das clases traballadoras e dos sectores máis vulnerables da sociedade, o que motivou que fose a organización política máis longamente perseguida e reprimida e a que, infelizmente, máis mortos e represaliados puxo na loita polas liberdades no último século. É unha evidencia que, obxectivamente, penso que admite pouca discrepancia ou discusión.


O de hoxe é, pois, un día senlleiro na historia do Estado Español. Éo, como non, para a militancia do Partido e das súas Xuventudes. E estimo que tamén debería selo para todas aquelas forzas políticas, sindicais ou sociais de todo tipo que están nas diarias pelexas contra a opresión capitalista e para todos os cidadáns e cidadás que entendan que o socialismo real -non a socialdemocrácia- é liberdade.


Destacados militantes do PCE foron José Gómez Gayoso e Antonio Seoane, executados a garrote vil na prisón da Coruña o 6 de novembro de 1948, despois de seren condenados a morte nunha farsa de xuízo. O sábado da semana pasada cumpriuse, pois, o septuaxésimo terceiro cabodano desa iniquidade. Desde hai ao redor de 25 anos o PCG honra os militantes asasinados no cemiterio civil de San Amaro, acto que este ano tivo lugar na soleada mañá de onte, con tres intervencións políticas e a interpretación, con frauta traveseira e guitarra, doutros tantos himnos: o de Galicia, o de Riego e a Internacional.


Juan Panadero, alter ego de Rafael Alberti, ocupouse dos loitadores no poema “Juan Panadero ensalza en la memoria de José Gómez Gayoso y Antonio Seoane a los héroes caídos en la resistencia española” ao que pertencen estes versos:


“Me hirieron, me golpearon / y hasta me dieron la muerte..., / pero ¡jamás me doblaron! // Que yo cien vidas daría / y otras tantas que tuviera / y el mismo morir tendría. // Ahora yo quiero nombrar, / no mi nombre, porque el mío / es como el de los demás. // ¿A quién nombraré primero? / Nadie es segundo en mi lengua / cuando es de acero el acero. // Si uno es glorioso, en glorioso / al otro no hay quien le gane. / Si digo Gómez Gayoso, / ya estoy diciendo Seoane. // Canto fuerte, camaradas, / compañeros, canto fuerte, / aunque esta copla es de muerte / sin la garganta apretada”.

Centenario

Te puede interesar