Isto das reunións a alto nivel dos países industrializados co gallo de ver algunha saída á agresión que sofre o planeta, é como unha historia interminable: bla,bla, bla, palabras nada máis. A verdade é que non sei a quen van enganaren, porque xa tivemos reunións e cimas de gobernos sen chegarmos a ningunha conclusión efectiva. Moitas palabras si, pero pouca acción.
Que estamos deteriorando o medio ambiente, iso a ninguén se lle oculta, e a responsabilidade atangue a todos nós e por suposto aos gobernos que miran máis ao presente que ao que estar por vir. As emisións de gases nocivos para a natureza, e para a nosa saúde, é cousa establecida , e un cabila se todo iso é o prezo que temos que pagar por vivir coas “vantaxes” nas que arestora nos atopamos. Asumindo esta premisa, sobran as reunións como a do COP26 que tivo lugar estes días en Glasgow, porque por moitas verbas bonitas que saian do mundo industrializado, por moitas declaracións que fagan de bos propósitos, a cousa por desgraza, vai seguir sendo igual. Agora resulta que as vacas tamén contribúen á degradación do cambio climático . Deixemos as probes vacas tranquilas e non incidamos no prexudicial das súas ventosidades, pois todo isto soa a pura brincadeira.
E polo medio deste balbordo aparece esa rapaciña sueca chamada Greta Thumberg que tamén ten o seu aquel de cousiña prefabricada, de adaíl da cruzada ecolóxica coa lección aprendida. En serio, ¿cren vostedes que os prebostes do COP26 andan preocupados polas cousas, por certo sabidas, que proclama esta mociña?
O cambio climático é unha realidade que algúns non aceptan. Revisar e controlar as causas que o producen non é complicado, pero o problema é que iso está relacionado co que chamamos “progreso” e claro, non podemos andar atrancando á roda do progreso, din os que progresan contaminando.
Os efectos negativos no cambio do clima xa están aí, pero ninguén toma decisións efectivas. Os grandes axentes contaminantes forman parte da maquinaria que marca o noso xeito de vida, sen importar moito a incidencia negativa que exercen sobre o planeta, o único sitio que temos para vivires.
A grandes problemas, grandes solucións, pero non, agora se nos dá por mirar os peidos das vacas, gas metano que na atmosfera produce efecto invernadoiro. ¡Vaia por Deus! Os seguintes, os nosos peidos( dióxido de carbono): ollo, pois somos 7,8 billóns no planeta. En fin...