Márketing verde

Márketing, e tamén o seu sinónimo mercadotecnia, é para unha definición, moi baixa en calorías, o conxunto de accións ou técnicas de mercado encamiñadas fundamentalmente a incrementar a demanda comercial dun produto ou servizo. Certamente, detrás desa consideración de boa fe, tamén se fai uso desa tecnoloxía, psicolóxica e publicitaria, orientada á creación de estados de opinión pública para facer máis doce, ou menos incómoda, a situación real dun estado de calamidade social. Para iso manipúlase a linguaxe, a simboloxía e a imaxe dunha falsa aparencia coa que se agocha o comportamento real de corporacións, empresas e persoas que para o seu lucro van en dirección contraria. A emerxencia climática que vive a humanidade e boa proba diso.


O considerado Cumio do Clima, a COP26, celebrado perante esta última quincena en terras escocesas, convocada co propósito de debater e concertar accións para facer fronte ao cambio climático, acontecemento agrandado pola difusión a través dos grandes medios de comunicación internacionais, veu desenvolvendo isto que agora consideramos nova normalidade após os peores momentos da covid-19, iso si poñendo de manifesto as desiguais, e inxustas, consecuencias que ten a pandemia sanitaria, unha crise global, en diferentes partes do mundo planetario e nas sociedades de cada país; situación equiparábel á que se producirá coa emerxencia climática e as consecuencias de non frear o quentamento global na que, como sempre, afectará moito máis gravemente ás comunidades pobres e aos mundo con menos capacidade de reacción. É mágoa.


Para evitar iso, precísanse accións contundentes de maneira inmediata. Sen embargo hai un escepticismo xeneralizado entre a xente sobre as achegas ou cambios substanciais, mesmo radicais, debido a que se fai imprescindíbel actuar coa máxima urxencia para reverter esta crise, alén das proclamas retóricas que se emiten neste tipo de xuntanzas, carentes dunha praxe consecuente no día despois. É cuestionábel a posibilidade dun cambio real, iso é, fondo e estrutural, desde un sistema cuxos mandatos de produción e consumo van contra natura. Abofé.


Poñamos énfase nos conceptos máis axeitados de alerta, evitando atrasos fatais na implantación de políticas medioambientais: Emerxencia climática ou crise climática, é termo acaído. Suavizar coa consideración de cambio climático e quentamento global, non dan medida xa da gravidade da situación. A extinción é ameaza cada vez máis próxima. O contrario é perigoso e falso márketing.

Márketing verde

Te puede interesar