Cine e covid-19

ai por volta de un cuarto de século que descubrín o malo que era practicamente todo o que se podía ver na televisión en aberto nos Estados Unidos. Comparativamente, por estes lares nin estabamos tan mal. Nas seis semanas que pasei en Nova Iorque, impartindo un curso de doutoramento na City University of New York, vivín nun pequeno e xeitoso apartamento do distrito de Queens, un dos cinco que compoñen a cidade neoiorquina. Como a grande urbe ofrece infinidade de lugares para visitar e de cousas que facer -as clases á parte- non era moito o tempo que diariamente botaba na casa, polo que tampouco dispuxen de moito tempo para ver televisión, cousa que,`por outra parte, tampouco me interesaba demasiado, como me acontece aquí. Con todo, algo vin polas noites e, fóra dalgún informativo, non recordo nada que pagase a pena. Nin nos canais en inglés nin nos en español, Recordo ter visto anacos dalgunha das sesións do xuízo ao popular ex-xogador de fútbol americano O. J. Simpson, acusado de matar a exmuller e o seu namorado. Tamén teño en mente ter visto algúns partidos -ou parte deles- de fútbol mexicano. Mais, insisto, o panorama que se me presentaba non era nada atractivo, non convidaba a sentar diante do aparello televisivo. A xente que quería ver televisión estaba abonada a canais de pago. E eu, como non son forofo da tele, non estou moito polo labor. Afortunadamente, os canais públicos estatais son, na miña opinión, moi decentes e nas cadeas privadas, ás veces, entre tantísima morrallada, podemos atopar algo que non bote para atrás, ou que non dedique máis tempo á publicidade que ao programa en si. Se a maioría do persoal fose coma min acabarían pechando, porque, abofé, os anunciantes non vendían un produto. Mais, é obvio, que non é así.

Malia as miñas reticencias, desde hai uns meses dispoño de Netflix. Isabel viu unha oferta e decidiu valerse dela. Hai poucos días vimos un filme francés do que non tiñamos noticia ningunha, porque acababan de estrealo. Lemos que era unha comedia, apetecíanos rir un bocado e puxémonos a vela. Dicir que, desde ben novo, sempre que se me puxo a man un filme que non fose de fala inglesa procurei velo. Desde sempre vin, e sigo a ver, cine español: nestas dúas últimas semanas desfrutei, en sala, de Maixabel, de Iciar Bollaín, Madres paralelas, de Almodóvar e El buen patrón, de Fernando León de Aranoa, todas recomendables. Gustei, e sigo gustando, moito do cine italiano e do francés. E, consecuentemente, teño visto moito, a maior parte interesante, mais tamén, como non, cousas menores.

O citado filme que, desde o pasado día 20, ofrece Netflix, 8 Rue de l’Humanité, resultou menos atractivo do que podería deducirse dos reclamos, se ben cumpriu a misión de nos facer pasar un par de horas divertidas que era o que en principio procurabamos. Está dirixida por Dany Boon , a partir dun guión escrito por el e pola súa compañeira Laurence Arné, que son, ademais, actores protagonistas. Ofrece, humoristicamente, escenas da vida en sete vivendas dun edificio de apartamentos parisino nos meses de reclusión pola pandemia do covid-19, onde aparecen temores, obsesións, aproveitamentos, rumores, tensións... Mais, aos poucos, a adversidade acabaou por xerar certas relacións sociais inexistentes antes do illamento, querendo transmitir a idea de que a pandemia nos vai facer mellores, visión esta coa que discrepo. Oxalá tivese sido así, mais eu vexo xustamente o contrario.


Cine e covid-19

Te puede interesar