Unha intervención parlamentar

Contra o final da década dos setenta do pasado século souben da existencia dunha escritora portuguesa, azoriana para máis detalles, que gozou de grande e relevante presenza na vida literaria e cultural portuguesa do seu tempo, e non só, chamada Natália Correia (1923-1993). Se a memoria non me falla o primeiro que caiu nas miñas mans foi a súa antoloxía de poesía medieval Cantares dos Trovadores Galego-Portugueses (1970), que nesa altura, preso como estaba por un filoloxismo mal entendido, non me interesou en grande medida. Tiña, basicamente, un afán divulgativo e de aí que os textos estivesen actualizados para facilitar a súa lectura e comprensión a un maior número de lectores e iso non ía comigo. Tempo andado, metido xa nalgunhas pesquisas pouco filolóxicas, souben que a antoloxía cumprira adecuadamente esa función. O contacto con ela suscitoume interese pola poesía e outros traballos da autora e, pouco a pouco, funa coñecendo e desfrutando. O 25 de abril xa tivera lugar e a obra da “mais linda mulher de Lisboa” -en palabras de José-Augusto França, unha das maiores figuras da cultura portuguesa, falecido, por certo, hai poucas semanas, xa se podía atopar sen censuras nin Pides. Entre outros, por suposto, a Antologia da Poesia Portuguesa Erótica e Satírica (1966), considerada ofensiva dos costumes e, por tanto, prohibida e retirada do mercado. “Não é possível admitir que seja viável a circulação deste livro em Portugal, dado o seu carácter pornográfico”, dicían as autoridades. Ademais do secuestro, o editor e a autora, foran multados e condenados a tres meses de prisión correccional, sustituíble por multas.


Malia ter atrás de si unha longa vida de intervención política contra a ditadura fascista en diferentes frontes públicas e privadas, a súa admirativa amizade con Francisco Sá Carneiro e a súa compañeira Snu Abecassis -fundadora da editorial D.Quixote- levouna ao Parlamento como deputada do dereitoso CDS, onde xa andaba o Marcelo Rebelo de Sousa, o actual presidente de Portugal.


A comezos de 1982, o PCP presentara un proxecto de lei de “Interrupção Voluntária da Gravidez”. Nos primeiros debates parlamentarios sobre o tema, o deputado, João Morgado, na súa intervención contraria ao proxecto de despenalización, manifestara que a Igrexa Católica prohibía o aborto “exactamente porque entende que quando se pratica o acto sexual é para se ver o nascimento de um filho”.


Escoitar dicir que o acto sexual só se debía praticar para ter fillos non podía quedar sen adecuada resposta e Natália Correia axiña improvisou uns versos, pediu a palabra e recitounos: “Já que o coito -diz Morgado- / tem como fim cristalino, / preciso e imaculado / fazer menina ou menino; / e cada vez que o varão / sexual petisco manduca, / temos na procriação / prova de que houve truca-truca. / Sendo pai só de um rebento, / lógica é a conclusão / de que o viril instrumento / só usou -parca ração- / uma vez. E se a função / faz o órgão -diz o ditado- / consumada essa excepção, / ficou capado o Morgado”.


Nin que dicir ten que ningún parlamentario puido evitar botar unha sonora gargallada. Reproduciuno o Diario de Lisboa de 5 de abril na súa última páxina. O proxecto non saiu adiante e pouco despois Natália Correia deixaría o CDS, polo seu conservadurismo en asuntos de costumes. Volvería ao Parlamento, como independente, nas filas do Partido Renovador Democrático de Ramalho Eanes.

Unha intervención parlamentar

Te puede interesar