Teatro, monólogo e música na axenda cultural das vindeiras semanas en San Sadurniño

Cándido Pazó nunha actuación en San Sadurniño en 2018 | c.g.
|

O Concello de San Sadurniño deu a coñecer as tres citas escénicas que ten previsto desenvolver desde o vindeiro domingo e ata o 6 de novembro no marco da colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.


Serán na Casa da Cultura e con entrada totalmente de balde. Poden reservarse xa no teléfono 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Este trámite poderá realizarse ata o venres anterior a cada unha das actividades.


O primeiro dos espectáculos terá lugar o vindeiro domingo, coa representación da obra “A lúa vai encuberta”. Trátase da montaxe de obra escrita por Manuel María hai máis de corenta anos para a Agrupación Cultural Auriense, pero que nunca se chegara a estrear. Agora, e baixo a dirección de Tito Asorey, o texto de escritor chairego cobra vida da man das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante.


A peza, indican fontes do Concello, mestura as formas do teatro máis popular coas maneiras contemporáneas de abordar os textos. O propio Asorey forma parte do elenco xunto a Melania Cruz, Davide González e Vanesa Sotelo. A cita terá lugar ás 19.30 horas.


O sábado 6 de novembro (20.00 horas) será a quenda para o recoñecido monologuista, actor e dramaturgo Cándido Pazó, que volta así a San Sadurniño para presentar, desta volta, o monólogo “Botando a lingua a pastar”.


Contos da tradición oral e historias creadas ou vividas polo propio Pazó mestúranse nunha proposta que trasladará ao público a reflexión sobre a lingua galega, a súa normalización e o seu futuro.


Ao día seguinte, o domingo 7 de novembro, a Casa da Cultura do municipio abrirá as súas portas á música co espectáculo de Magín Blanco. Será ás 18.00 horas, momento a partir do cal o artista galego despregará sobre o escenario “O que levamos nas maletas”, unha proposta familiar que ten por obxectivo estimular a creatividade infantil e a súa curiosidade polas letras e as palabras e pola lingua galega.


Escolas culturais

Desde a Concellería de Cultura de San Sadurniño recórdase, doutra banda, que unha vez iniciadas as escolas culturais cómpre formalizar a matrícula e o pagamento do primeiro trimestre. Gaita, pandeireta, ximnasia de mantemento e Cantos de Taberna son as propostas que se imparten.

Teatro, monólogo e música na axenda cultural das vindeiras semanas en San Sadurniño