A raza

Noutrora, o 12 de outubro, se celebraba o “Día da Raza” e aquela denominación soaba a fascismo puro e duro. ¿Que raza? O sátrapa alemán, colega do español, no seu delirio (nazi)onalsocialista pensaba que a raza aria era o paradigma da perfección humana, o “non plus ultra” da evolución, e xa ven como rematou todo.

Claro que a denominación do “Día da Raza” foi, afortunadamente, quedando obsoleta e arestora chámanlle “Día da Hispanidade”, asunto que segue a levantar bochas naqueles que consideran que o mellor que puido facer Colón, cando puxo pe no novo continente, foi ficar calado e deixar as cousas como estaban, e así non espertar arelas de soños imperialistas que por aquel tempo seducían tanto. Pero non calou.

A partires de aí soubemos que por aqueles lares, descubertos por casualidade, había ouro e prata, e non era o caso de deixar pasar a oportunidade de encher a faldriqueira. E fóronse organizando novas expedicións co resultado que todos coñecemos.

Unha “raza” ía en camiño de marcar tendencia fronte a outra “raza” que , a motu propio, considerouse inferior, así que había que se aproveitar e apañar o que se puidera e ao tempo evanxelizar a aquela xentiña, pois non estaba ben que tivesen un deus en cada recuncho: home, Deus para a “raza” superior non hai máis que un, e non estaba ben que houbese unha lexión de divindades, así que en posteriores expedicións metéronse frades co gallo de predicaren a verdade absoluta a unha xente que xa tiña as súas verdades. E todo iso porque os que chegaban dende o mar con armas e cabalos sentíanse máis fortes e máis capaces, superiores, e xa se sabe que os superiores sempre tiveron a tentación de escravizaren aos que cren ter por embaixo. Gústenos máis ou agrádenos menos, así foise escribindo a historia da humanidade e a da hispanidade. Amén de cousas positivas que tamén hóuboas.

No colexio dicíanos que no mundo había catro “razas”: a branca, a negra, a amarela e a cobriza. Púñase a branca por diante porque considerábase superior, a elixida para as cousas boas, praxes mantida polo nazismo e o fascismo, ideoloxías nas que se sustentou a segregación racial que agromou no mundo branco.

Non hai unha “raza”, hai máis, así que se quixéramos festexaren un dia de, o lóxico sería que fose un “Día das Razas”. Chamarlle noutrora “Día da Raza” non foi por casualidade, non.

E como unha vez dixo Saramago: o arrepentimento vale, pero pouco arranxamos; a solución consiste en cambiar. ¿Cambiamos?


A raza

Te puede interesar