Lugo e Ferrol reclaman unha saída da crise que vertebre o territorio

Lugo e Ferrol reclaman unha saída da crise que vertebre o territorio
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o alcalde ferrolán, Ángel Mato, intercambiaron agasallos institucionais | cedida

Ferrol e Lugo renovaron os lazos de irmandade que os unen historicamente e que se oficializan cada ano no San Froilán e no San Xiao. Onte a viaxe fíxoa a corporación ferrolá e o acto levouse a cabo, de forma sinxela, na cidade romana. Na memoria dos presentes estivo o recente pasamento do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. Houbo un minuto de silencio en recoñecemento a el e tamén a un policía local, José Gómez Peña. Ademais, os membros do Partido Popular ausentáronse, debido ao loito que gardan. Tampouco houbo este ano xantar de confraternización.


Porén, tanto os socialistas Lara Méndez como Ángel Mato fixeron o tradicional intercambio de agasallos e discursos que, ao tempo que recoñecen os lazos entre as localidades, reivindican un mellor futuro económico para o norte de Galicia. Neste senso, a saída da crise do covid, co conseguinte uso dos fondos europeos Next Generation, debe ser unha oportunidade para vertebrar o país social e economicamente e que cadaquén poida “escoller onde desenvolver o seu proxecto de vida” apuntou a alcaldesa lucense.


Méndez aludiu á “afouteza e valentía das nosas xentes”, demostrada de novo nun ano e medio pasado que foi moi “complexo” e defendeu a administración municipal, clave tamén na etapa postpandemia. Mellores servizos, comunicacións e infraestruturas estiveron presentes na súa intervención, para que as cidades “poidamos seguir avanzando e resolvendo as necesidades e dificultades da veciñanza”. Reivindicou unha Galicia vertebrada, dunha única velocidade e non de dúas.


Oportunidade

Para Ángel Mato, a saída desta crise ten que ser “radicalmente distinta a doutras anteriores”, sendo o momento de “reconducirnos e reposicionarnos tendo en conta os erros do pasado”. Neste “momento de inflexión” hai que abordar retos coma o despoboamento, a humanización das cidades ou unha transición enerxética xusta. Neste senso, felicitou á alcaldesa de Lugo polos avances en peonalización.


Tamén o alcalde ferrolán se solidarizou cos traballadores que enfrontan momentos difíciles e destacou as perspectivas que se abren en nos eidos da enerxía e da dixitalización. Reclamou a mellora das comunicacións, nomeadamente o tren pero, en xeral, todas as infraestruturas. “As cidades deben estar interconectadas para ser competitivas”, afirmou. A oportunidade actual é única para impulsalas, lembrou.


O Concello de Ferrol agasallou ao lucense cunha placa que representa varios edificios emblemáticos de Ucha Piñeiro, así como o libro “As alamedas ilustradas de Ferrol”. Recibiu un cadro da praza de Ferrol, en Lugo, e un libro sobre o San Froilán.

Lugo e Ferrol reclaman unha saída da crise que vertebre o territorio

Te puede interesar