Aukus e a UE: a hora da verdade

A retirada apresurada de Afganistán por parte do exército dos Estados Unidos, e as conversas en segredo co Reino Unido e Australia, para constituír unha nova coalición militar (Aukus), deixando á marxe aos seus socios no Pacifico, como Xapón e Corea do Sur, e tamén aos da OTAN, reflicte a soberbia coa trata o imperialismo hexemónico seus aliados. Esta actitude está por riba do partido que governe en Washington, polo que amosa que consideran aos países anglosaxóns o núcleo duro, de confianza.


O noxo de Macron ten a súa lóxica, porque é a única potencia nuclear das aliadas con USA coa que non se conta (deixando a un lado o caso de Israel), e ademais ten intereses militares, políticos e económicos na área do Indo-Pacifico. Lembremos que entre os departamentos e posesións francesas de ultramar están Nova Caledonia e a Polinesia, e no Indico a Reunión. En total máis de 1.200.000 persoas. Por se non abondase, o acordo implica unha paralización do compromiso de merca por Australia de 12 submarinos diésel a Francia, seica por un valor de 50 mil millóns de dólares, que van ser substituídos por 8 de propulsión nuclear estadounidenses (isto significa ademais que Australia racha seu compromiso anti-nuclear).


A presentación da Aukus coincidiu no tempo coa dun proxecto de exército europeo. Foi unha casualidade? Levarase a cabo pola UE tendo en consideración os antecedentes, e que ademais non é nen o primeiro nen o segundo intento que non se concreta, como consecuencia das diverxencias neste tema entre os países que constitúen a UE e a oposición da OTAN? En todo caso para alén dos descontentes, dos noxos, e de que Francia chamase a consultas seus embaixadores en Australia e Estados Unidos, os antecedentes non axudan a pensar nunha Unión Europea capaz de rematar coa OTAN e ter un exército independente.


De intentalo en serio tería que Estados Unidos retirar as súas bases do territorio da UE, rachando así con décadas de dependencia no militar e política. Porén, están os lazos económicos de beneficio mutuo, na asociación para impoñer o comercio desigual ás ex-colonias e países da periferia. E neste intre a competencia de China nesas áreas é moi grande, e pode dar pulo a soberanía na periferia e reducir os lucros das corporacións da UE. No capitalismo medran as contradicións entre potencias e entre clases sociais. O mundo amosa seus límites no ecolóxico, no produtivo, no demográfico, na mobilidade e amoreamento urbano, na desigualdade, na perda de riqueza cultural e lingüística... A UE non ten alternativa de seu.

Aukus e a UE: a hora da verdade

Te puede interesar