Festa

|

Escribo estas liñas poucas horas antes de apañar o autobús, fretado polo PCG, que me vai levar a Rivas-Vaciamadrid, concello da periferia madrileña, onde esta fin de semana vai ter lugar a cuadraxésimo terceira Festa do PCE. Como é sabido, este importante evento político-festivo-cultural organizado polo Partido Comunista de España vénse celebrando case ininterrumpidamente –só deixou de celebrarse en 2008 e o ano pasado por mor da pandemia– desde outubro de 1977, cando tivo lugar, na madrileña Casa de Campo, o que sería primeira edición, que reunira centos de miles de persoas, como moitas das festas posteriores. Aínda que, en honor á verdade, cómpre manifestar que xa non é o que foi -mudam-se os tempos, mudam-se as vontades, que dixo o gran Camões- segue a ter o seu aquel de relevancia.


E isto seino polo que me teñen contado xentes amigas que por numerosas edicións andaron e non por experiencia propia, pois debo confesar que, malia os anos que xa levo no lombo, ata o de agora nunca fun quen de poder desfrutar deste convivio. Naturalmente, tiven mentes de ir en ben diferentes ocasións, se ben, ao final, chegado o momento de viaxar, algo se torceu. Mais, como nunca choveu que non escampara, parece que, por fin, o desexo se vai facer realidade, polo que case sinto a mesma ilusión do adolescente que se prepara para asistir á súa primeira festa social.


Aínda que neste meu caso, é obvio, que non é así. Porque o corpo sempre me pediu asistir a eventos desta índole, aquí e acolá, e facer miñas estas marabillosas palabras que Alfredo Zitarrosa nos regala na súa “Guitarra negra”, que me entusiasman e emocionan igual que cando a escoitei por vez primeira, hai máis de 30 anos, razón pola que decidín reproducilas aquí:


“Hago falta... yo siento que la vida se agita nerviosa si no comparezco, si no estoy... Siento que hay un sitio para mí en la fila, que se ve ese vacío, que hay una respiración que falta, que defraudo una espera... [...] falta mi cara en la gráfica del Pueblo, mi voz en la consigna, en el canto, en la pasión de andar, mis piernas en la marcha, mis zapatos hollando el polvo... los ojos míos en la contemplación del mañana... mis manos en la bandera, en el martillo, en la guitarra, mi lengua en el idioma de todos, el gesto de mi cara en la honda preocupación de mis hermanos”.


É por iso que teño estado e desfrutado en festas do PCG, nas do “Avante” do PCP –nos vellos tempos da celebración no Alto da Ajuda lisboeta e nos máis recentes na Quinta da Atalaia, de Seixal, na outra banda da desembocadura do Texo–, así como en actos similares en Cuba ou no Uruguai, países moi amados. Faltábame esta, que espero tela vivido xa, como neno con zapatos novos, cando estas frases cheguen ás súas mans. E, por suposto, pensando en regresar en anos sucesivos.

Festa