Mbappeismo

Por si non fóra dabondo o culebrón Messi, agora chega Kilian Mbappé outro fenómeno, polo menos no que se refire aos cartos que move. Seica o todopoderoso Real Madrid está a ofrecer cento oitenta (¡180!) millóns de euros pola súa fichaxe fronte aos douscentos (¡200!) que esixe o Paris Saint Germain. Como podedes observar trinta (30) millóns máis ou menos, son para esta xente “pataca miúda”. O que si está claro é que todos estes cartos saen do país e dalgún xeito, dos nosos petos.


Todo o que dixen cando falei do Messi é aplicable pero aínda máis, e a pregunta é obrigada, ¿de onde saen tantos cartos?. Sobre todo nestes tempos que estamos a vivir. 

Eu ben sei que isto é predicar no deserto pero, parouse alguén a pensar o que se pode facer con esta morea de cartos?. ¿Canta fame se podería evitar, creando con eles postos de traballo para a dolorosa e intragable nómina de parados, moi preto dos catro millóns, que temos no noso país?


Eu, e estou certo que comigo moita xente, non podo ver con bos ollos estas fichaxes desorbitadas, por moitos goles que marquen os protagonistas. Por certo, ¿a canto vai saír cada gol que marque este home?. Fagan contas e cabréense, será un exercicio moi san para que se impoña o sentido común, que é moi a miúdo “o menos común dos sentidos”.


Non son so os xogadores. Arredor do fútbol hai montada unha gran feira con feirantes que, sen dar un pau na auga, amasan grandes fortunas. Son sobradamente coñecidos polo que non fai falta poñer nomes. O que si habería que analizar é si, en moitos casos, as súas actividades, non están fóra das leis.


Un rapaz que estuda con aproveitamento unha carreira, chegando polo seu esforzo, traballo e intelixencia a ocupar postos sobranceiros na industria, no ensino, na política e noutras actividades que crean miles de empregos, non acada nin por asomo a relevancia social, xa non falo de cartos, destes deuses do balón que como xa dixen aquí, e non me canso de repetir, gañan millóns a patadas. Así nos loce o pelo.


Nestes intres despois do messianismo co que nos tolearon durante anos semella que chega o tempo do Mbappeismo que, tamén neste caso, rima con papanatismo.

Mbappeismo

Te puede interesar