Racinguista

|

Agora que comeza unha nova versión da liga de fútbol, lembro con tristeza o pasamento dun dos socios máis apaixoados que tivo o noso Rácing: Trátase de Xosé Ramón Vázquez Martínez, Catedrático en Lingua e Literatura Española e que fora Mestre Nacional en Ferrol. Ademais do seu incombustible racinguismo, tiña devoción pola ciencia que estuda a personalidade do individuo a través da escritura, sendo fundador da Sociedade Galega de Grafoloxía, da que foi Presidente e que, durante algún tempo editou un interesante boletín, do que conservo varios exemplares; nembargante, para min, a súa faceta máis destacada era a súa dimensión humana, a súa sinxeleza e humildade, sempre ocupado e preocupado pola cultura e botando unha man alí onde llo pedían, como cando formou parte da Asociación de Veciños de Esteiro. Era asiduo lector de Ferrol Diario e, as veces, criticábame algún detalle, mais animándome sempre a escribir. Como éramos veciños, coincidiamos con certa frecuencia na rúa, sendo Ferrol e o Rácing, os principais motivos das nosas conversas, pois ambos temas eran moi queridos para nós os dous. Coa súa desaparición, o Rácing perdeu un seguidor incondicional e eu, un entrañable amigo que sempre lembrarei con cariño mentres viva. Pois si.

Racinguista